Novas

luns, 02 de marzo de 2020

A ute da remodelación da Praza de Armas solicita unha prórroga de catro semanas

O concelleiro de Urbanismo anunciou que a pasarela peonil que conectará o Ensanche A con Santa Mariña abrirase mañá


A ute da remodelación da Praza de Armas solicita unha prórroga de catro semanas

A ute encargada de executar a remodelación da Praza de Armas vén de solicitar ao Concello de Ferrol unha prórroga de catro semanas para rematar a obra. A petición conta cos informes favorables e o motivo é o atraso dos traballos nos centros de transformación de Unión Fenosa. O portavoz do goberno local e concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, insistiu esta mañá tras a celebración da Xunta de Goberno Local que o importante é “que a obra remate nas mellores condicións”. A remodelación da praza de Armas é unha operación cofinanciable polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España FEDER 2014-2020 ao abeiro da Estrategia de Desarrollo Urbano Sostenible e Integrado (EDUSI) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”.


O edil tamén anunciou que a nova pasarela para peóns que conectará o Ensanche A con Santa Mariña sobre as vías do tren abrirase ao público mañá martes, ao longo da mañá. Ata a estructura peonil achegaranse o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e o edil de Urbanismo. 

Reina lembrou que o Concello de Ferrol celebrará a próxima fin de semana o 8 de Marzo, Día da Muller. O venres día 6 terá lugar a XII Gala, na que a xefa de Oftalmoloxía do CHUF, Lola Álvarez, será galardoada. O sábado, día 7, a Praza de Amboage acollerá o concerto “Por todas, é tempo das mulleres” a cargo do cuarteto de corda Aquelas e a rondalla Só Elas. 

Dentro do orde do día, Reina informou de que a Xunta de Goberno Local aprobou a prórroga do contrato do servizo de asistencia técnica de arqueoloxía do Concello de Ferrol e a segunda do control da poboación urbana da gaivota patiamarela, estorniño e pomba doméstica. Esta mañá tamén se aprobou o desistimento do procedemento de licitación correspondente ao subministro de contedores de recollida selectiva de papel e aceite para o servizo de recollida de residuos. Por último, aprobouse a cancelación e devolución da garantía definitiva depositada con motivo da modificación do contrato dunha plataforma de e-administración e de servizos telemáticos.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar