Novas

luns, 02 de marzo de 2020

O Concello inicia unha campaña informativa para aumentar o número de familias acolledoras no programa “Vacacións en paz”

A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez, reunirase mañá coas direccións dos centros escolares e as anpas de Ferrol


O Concello inicia unha campaña informativa para aumentar o número de familias acolledoras no programa “Vacacións en paz”

O Concello de Ferrol, a través da concelleira de Benestar Social, que dirixe Eva Martínez Montero, vén de poñer en marcha unha campaña informativa sobre o programa Vacacións en Paz e aumentar o número de familias acolledoras que durante os dous meses de verán fanse cargo de nenos saharauís de entre 9 e 12 anos. 


Para elo, a edil convocou para mañá, ás 18 horas, unha reunión coas direccións dos centros escolares e anpas da cidade no salón de actos do Edificio Social. Trasladaralles os detalles do programa, que cada verán trae á cidade a pequenos dos campos de refuxiados de Tindouf. O noso obxectivo é “aumentar o número de familias acolledoras tras o descenso rexistrado nos últimos anos”, explicou. 

A concelleira estivo acompañada na presentación da campaña por Manuel Romero e Mayte Martínez, responsables da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. Agradeceron a implicación do Concello no desenvolvemento da campaña informativa e a “constante disposición” da concelleira. “Buscamos familias que estean dispostas a participar nunha experiencia “que deixa pegada”, engadiu Romero. Os nenos “a veces ensínannos máis que nos a eles”. 

Pola súa banda, Mayte Martínez explicou que a acollida non supón moito gasto porque o custo dos billetes de avión corren a cargo do Concello de Ferrol. “Sempre digo o mesmo, que ninguén teña medo a acoller un neno, se converten en parte da nosa familia”. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar