Novas

mércores, 04 de marzo de 2020

Ferrol acollerá a cuarta edición de Primavera no Camiño

O Grupo de Traballo promovido polas concellerías de Turismo e de Patrimonio Histórico colaborará no deseño do programa da xornada, que por primeira vez chega á cidade


Ferrol acollerá a cuarta edición de Primavera no Camiño

O Grupo de Traballo do Camiño Inglés, impulsado polas concellerías de Turismo e de Patrimonio Histórico, reuniuse esta mañá no pazo municipal para estudar diversas accións de promoción da ruta xacobea. No encontro, presidido polas concelleiras María Teresa Deus e Eva Martínez Montero, participaron representantes da Asociación de Veciños de Caranza, do Centro Comercial Aberto A Magdalena, da Asociación de Hostelería, de Paferr, do Foro Ferrol Vivo, da Asociación Camino Inglés (Sail the Way), de Meninas de Canido, da Fanpa Concepción Arenal e da Empresa Mixta de Turismo de Ferrol. 

As edís deron a coñecer oficialmente a efectiva inclusión de Ferrol na Asociación de Concellos do Camiño Inglés e comezáronse a organizar as distintas actividades que se van realizar en torno a o Camiño. A primeira delas, segundo anunciou Deus, será a Primavera no Camiño, da que Ferrol será cidade organizadora e anfitriona este ano, polo que “é importante contar coa participación de todas as entidades” para implicar a todos os barrios polos que vai pasando o Camiño. Nos próximos días, coa colaboración das entidades integrantes do Grupo de Traballo, empezarase a deseñar o programa desa xornada que por primeira vez se celebrará na cidade. 

Martínez Montero precisou que un dos obxectivos do grupo de traballo é que o goberno local recolla iniciativas procedentes de todas as entidades da cidade. No caso da reunión de hoxe, tratouse a proposta trasladada polo Ateneo Ferrolán para incluír o Camiño Inglés dentro dos camiños que son patrimonio mundial, algo que, dixo, será trasladado aos grupos políticos municipais e á Asociación de Concellos para sumar apoios. Esta candidatura (á marxe da da cidade) podería integrarse nunha proposta común dos Camiños do norte para, detallou Martínez Montero, para poñer “moito máis en valor” esa iniciativa e acadar máis visibilidade.
 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar