Novas

mércores, 04 de marzo de 2020

Ferrol promove a narración oral para nenos e adultos coa chegada do Festival Atlántica

O centro cultural Torrente Ballester e a Biblioteca central acollerán os contacontos de balde do 12 ao 14 de marzo


Ferrol promove a narración oral para nenos e adultos coa chegada do Festival Atlántica

O Concello de Ferrol, a través da concellería de Cultura e Educación, que dirixe Antonio Golpe, participará por cuarta vez no Festival Internacional de Narración Oral Atlántica, que este ano celebra a súa oitava edición. A iniciativa, que inclúe sesións de contacontos para adultos e para nenos, aterrará na cidade os días 12, 13 e 14 de marzo. Ademais de Ferrol, participan neste encontro coa narrativa atlántica Santiago, A Coruña, Ourense, Vigo, Lalín, Teo, Pazos de Borbén e Bertamiráns.  

Os tres días celebraranse dúas sesións, unha para adultos e outra para nenos, e Sandra Araguas, Fernando Saldaña e José Luís Gutiérrez serán os encargados de trasladar aos asistentes as mellores historias. Todos os contacontos son de balde e os interesados poderán retirar as entradas no despacho de billetes do Teatro Jofre para as actuacións do Torrente Ballester o no primeiro andar da Biblioteca cando se celebren nas súas dependencias.  

O concelleiro Antonio Golpe destacou esta mañá na presentación do festival “a calidade dos narradores” e remarcou o apoio do Concello de Ferrol na iniciativa, que cualificou como “unha ponte cultural entre ambos os lados do Atlántico”.  

Pola súa banda, Soledad Felloza, directora do festival, resaltou que “son poucos os concellos que poden presumir da programación de narración oral que se produce nesta cidade”, e destacou que a Biblioteca municipal é un gran “centro de difusión”. Felloza encomiou a traxectoria dos narradores que estarán en Ferrol e animou a todos os veciños da cidade a gozar do festival. 
 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar