Novas

xoves, 05 de marzo de 2020

Mato aos novos policías locais: “agardo de vos que sexades unha extensión do Concello de Ferrol”

O alcalde presidiu o acto de toma de posesión de 10 dos 16 axentes que van a formar parte do cadro de persoal do corpo


Mato aos novos policías locais: “agardo de vos que sexades unha extensión do Concello de Ferrol”

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, presidiu esta mañá o acto de toma de posesión de 10 dos 16 novos axentes que van a pasar a formar parte do cadro de persoal da Policía Local de Ferrol. Estivo acompañado polo concelleiro de Seguridade, Germán Costoya, e o xefe do corpo, José Antonio Chao. 


Os 10 novos membros van a pasar pola Academia Galega de Seguridade Pública e durante o verán farán o seu primeiro período de prácticas. Despois volverán á Academia e en outono cumprirán a segunda etapa de prácticas. Cara a finais de ano, cando completen a súa formación, “contaremos con eles como policías a todos os efectos”, detallou o alcalde.  

Proximamente tomarán posesión tamén outros 6 axentes. Dous deles entrarán
tamén por oposición, se ben xa eran policías locais noutros concellos e incorporaranse directamente. Os 4 restantes tamén son axentes que proceden doutros municipios, pero neste caso gañaron a praza en Ferrol por mobilidade. Tamén se incorporarán directamente en próximas datas. Con estas incorporacións, o cadro de persoal da Policía Local de Ferrol estará cerca dos 100 efectivos. “Estamos a falar dun incremento do número de axentes próximo a un 20 % que, por outra parte, era moi necesario para
poder prestar un servizo de calidade”. 

O alcalde felicitou aos dez axentes que hoxe tomaron posesión e deulles a benvida ao Concello. Desexoulles “moita sorte” no seu novo cargo e pediulles que levasen “con orgullo” o uniforme do corpo. Como alcalde, díxolles, “agardo de vos que sexades unha extensión do propio Concello de Ferrol. Gustaríame ter unha Policía Local achegada á cidadanía”, dixo. “Sodes imprescindibles para favorecer a convivencia”, engadiu Mato. 

“Tedes que ser a primeira vía de achegamento ao Concello”, dixo o alcalde no acto de toma de posesión, e pediulles que tiveran contacto cos cidadáns, “que sexades a persoa de referencia para quen necesita axuda”.  

Pola súa banda, o concelleiro de Seguridade, Germán Costoya, lembrou que dende o Concello “traballamos para mellorar a nosa Policía Local na medida que a cidade merece” en tres eixos fundamentais: a dotación de persoal, a mellora dos medios dos que dispón o corpo e a promoción interna. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar