Novas

xoves, 05 de marzo de 2020

María Teresa Deus inaugura no antigo hospicio o curso gratuíto de redacción de proxectos europeos

A concelleira de Facenda, Economía e Emprego animou aos máis de 30 participantes no programa a seguir formándose neste campo


María Teresa Deus inaugura no antigo hospicio o curso gratuíto de redacción de proxectos europeos

A concelleira de Facenda, Economía e Emprego, María Teresa Deus, inaugurou esta mañá o obradoiro Redacción de Proxectos Europeos: Erasmus + no antigo hospicio de Ferrol, unha actividade organizada pola Deputación da Coruña coa colaboración da concellería. Trátase dunha iniciativa gratuíta que pretende dotar aos participantes de ferramentas para realizar un proxecto no marco dos programas Erasmus + e Cuerpo Europeo de Solidaridad co fin de aumentar a participación das organizacións e administracións locais en proxectos que fomenten os intercambios xuvenís e do voluntariado europeo. 


Participaron no obradoiro de hoxe máis de 30 persoas, tanto persoal técnico dos concellos así como membros de organizacións sen ánimo de lucro interesados en promover a mobilidade xuvenil no seu territorio. Durante cinco horas trataron asuntos como o estudo e a descrición dos programas europeos; ferramentas para pasar da idea ao proxecto identificando o contexto, as necesidades, obxectivos e a identificación dos participantes; indicadores para facer un seguimento do proxecto e métodos para a difusión dos resultados e a xestión económica e administrativa da iniciativa. 

María Teresa Deus deu á benvida aos participantes no obradoiro e animoulles a
seguir aprendendo. Un dos obxectivos do Concello é promover este tipo de formación, polo que a responsable de Economía e Facenda anunciou que desde a concellería promoveranse novos cursos, “hai moita materia que desenvolver neste campo”, dixo. 

Na presentación do obradoiro, a concelleira estivo acompañada por Cristina Couto, directora do centro Europe Direct na Deputación de Coruña, e Antonio Versace, responsable do Punto Eurodesk en A Coruña - Asociación Ingalicia.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar