Novas

venres, 06 de marzo de 2020

O Concello entregoulle á oftalmóloga Lola Álvarez o Galardón 8 de Marzo

A homenaxeada dixo que “é un orgullo moi grande” liderar un grupo de persoas como as que compoñen o servizo do que está á fronte no CHUF


O Concello entregoulle á oftalmóloga Lola Álvarez o Galardón 8 de Marzo

O Teatro Jofre acolleu esta noite a gala de entrega do Galardón 8 de Marzo na súa decimosegunda edición. O acto, presentado pola actriz Marián Bañobre, comezou coa representación dunha peza de microteatro a cargo das dúas integrantes da compañía Maquinarias, Adelaida Abad e Helga Méndez, tras a que pronunciou unhas palabras a concelleira delegada da área de Muller, Igualdade, Xuventude, Minorías Étnicas e Normalización Lingüística. Cristina Prados comezou pedindo un aplauso para a autora do cartel institucional do 8M, Montse Gutiérrez, que recolle a imaxe da actriz e inventora Hedi Lamarr. Na súa intervención, repasou a carreira profesional da homenaxeada deste ano, Lola Álvarez Díaz, e invitou aos presentes a participar nas actividades organizadas pola concellería de Muller e Igualdade que se desenvolverán mañá nas rúas de Ferrol. 

Despois da proxección de dous vídeos sobre a homenaxeada e que contiñan felicitacións de moitos dos seus achegados, deuse lectura ao acordo da concesión da distinción do 8M, e o alcalde e a edil de Muller entregáronlle a Lola Álvarez o premio. A galardoada explicou no seu discurso como evolucionou o servizo de oftalmoloxía do CHUF dende que comezou a traballar nel nos anos noventa e asegurou que é “un orgullo moi grande” estar ao frente dun grupo de persoas coma o que lidera, e que constitúe unha mostra de que “se remamos xuntos na mesma dirección, alcanzaremos o porto moito antes”. “Agradezo ao Concello que recoñeza o traballo do servizo de Oftalmoloxía ao entregarme este galardón”, dixo.
 
Pechou o acto o alcalde, Ángel Mato, que felicitou “a Lola Álvarez por unha carreira chea de éxitos dos que nos beneficiamos milleiros de persoas” de Ferrol e da súa área sanitaria. Mato lembrou que este é un ano moi especial para Ferrol porque a cidade celebra o bicentenario de Concepción Arenal, “unha muller pioneira que anticipou acontecementos coma os que estes días, en vésperas do 8M, podemos ver nas nosas rúas”. O alcalde destacou que, “por moito que algúns sectores trataen de agarrarse a vellas resistencias, o horizonte dunha sociedade completamente igualitaria está cada vez máis preto”, e, tomando palabras de Amelia Valcárcel, afirmou que “o feminismo é un enorme educador moral”, un movemento que renunciou á violencia como método de resolución de conflictos e, “nese senso, pode que o movemento social máis exemplar da historia”. O rexedor, que dedicou palabras á defensa da sanidade pública, concluíu pedíndolle á homenaxeada “que siga coidando dos nosos ollos”. 

O colofón correu a cargo de Guadi Galego. Acompañada polos seus músicos, ofreceu un concerto para o público que encheu o Jofre.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar