Novas

sábado, 07 de marzo de 2020

O Concello coordínase coa UDC para axilizar a reforma da antiga residencia de oficiais de Batallóns

Os concelleiros de Urbanismo e de Obras reuníronse esta semana coa vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social para tratar o acondicionamento do futuro edificio administrativo


O Concello coordínase coa UDC para axilizar a reforma da antiga residencia de oficiais de Batallóns

Os concelleiros de Urbanismo, Julián Reina, e de Obras, Ana Lamas, reuníronse en días pasados coa vicerreitora do campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, para tratar diversos asuntos de interese para o Concello e a Universidade. Entre eles está a conversión da antiga residencia de oficiais de Batallóns nun edificio administrativo que albergue oficinas e despachos de profesores. 

A UDC logrou a principios do pasado verán a cesión do inmoble, propiedade do Ministerio de Defensa. A Universidade da Coruña prevé iniciar proximamente a adaptación das instalacións aos novos usos. Nese senso, Reina aseguroulle a Movilla que se trata dunha obra que “ten un interese público, polo que se van habilitar canles de coordinación entre o Concello e a Universidade para que saia adiante canto antes”. 

A vicerreitora concordou co concelleiro na apreciación de Ferrol como cidade universitaria, que sempre se defendeu desde o campus, e agradeceu a habilitación de canles de traballo conxunto para recuperar este edificio para usos universitarios. Este proxecto constitúe un primeiro paso no plan da UDC para expandir o campus de Ferrol, que continuará coa construción dun novo edificio nunha parcela (tamén anterior propiedade de Defensa) fronte á Facultade de Enfermaría e Podoloxía que permitirá unificar neste barrio todos os estudos de enxeñaría.
 
“Ferrol debe ser consciente dunha vez de que é unha cidade universitaria” 
O edil de Urbanismo destacou a importancia que para a cidade teñen os plans da UDC e trasladoulle á vicerreitora que, para o goberno local, “Ferrol debe ser consciente dunha vez por todas de que é unha cidade universitaria e que a Universidade ten que formar parte do proxecto de cidade”, polo que o Concello “terá sempre presente o campus nos seus proxectos urbanísticos e de mobilidade”. 

Ana Lamas e Julián Reina tamén aproveitaron a visita para percorrer con María Jesús Movilla o entorno do campus e comprobar o mantemento das rúas de Esteiro que rodean as dependencias universitarias. Os concelleiros comprometéronse a revisar algunhas deficiencias detectadas para darlles solución. De feito, técnicos municipais xa se desprazaron esta mesma semana ao lugar para analizar a situación.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar