Novas

domingo, 08 de marzo de 2020

O Concello promove dous roteiros de balde polo Ferrol de Carvalho Calero

Trátase dunha iniciativa máis para conmemorar ao ilustre ferrolán, protagonista do Día das Letras Galegas deste ano


O Concello promove dous roteiros de balde polo Ferrol de Carvalho Calero

Os actos impulsados polo Concello de Ferrol para conmemorar ao escritor ferrolán Ricardo Carvalho Calero, protagonista do Día das Letras Galegas deste ano, esténdense durante todo o 2020. Unha das actividades programadas para os próximos días é a celebración de dous roteiros polo Ferrol do ilustre veciño, que percorrerá a cidade deténdose nos lugares que ocuparon os 29 anos que Carvalho Calero viviu en Ferrol ao longo de tres etapas. É unha iniciativa impulsada polo departamento de Dinamización Lingüística do Concello de Ferrol en colaboración con Rexenerando. 

Os paseos, de 90 minutos, celebraranse os días 21 de marzo e 18 de abril, de 11 a 12.30h. Os interesados poden anotarse desde mañá luns, 9 de marzo, no teléfono 698 15 74 14 e a través do mail info@rexenerando.com. Hai 35 prazas para cada un. 

Unha historiadora de arte especialista en interpretación do patrimonio guiará aos participantes ao longo dun percorrido que partirá da Praza Vela como introdución ao Ferrol de 1910. Continuará pola rúa San Francisco para deterse na casa na que naceu o escritor e lembrar a súa infancia. Na Praza de Amboage falarase da súa formación no colexio Sagrado Corazón e fronte ao antigo Centro Obreiro da Cultura, na rúa Real, a guía explicará os seus anos mozos entre Santiago e Ferrol e as súas primeiras conferencias e publicacións. O roteiro parará de novo no Cantón para facer referencia a o seu regreso á cidade entre 1932 e 1936 e a súa implicación na Guerra Civil. 

Os participantes continuarán por Esteiro para coñecer unha das súas casas cando saíu do cárcere e aprender acerca da súa vida e creación literaria na posguerra. A parada final será diante da Fundaçom Artabria, para falar dos últimos anos da vida de Carvalho Calero e a súa faceta como docente e investigador. Os participantes recibirán unha guía do roteiro coa principal información das paradas. 

Tamén para escolares 
A programación impulsada polo Concello para dar a coñecer a figura do ilustre escritor inclúe tamén aos escolares. Entre os meses de marzo e abril realizarán este mesmo roteiro 15 grupos dos IES Catabois, Concepción Arenal, Canido, Ferrol Vello, Leixa, Sofía Casanova e Carvalho Calero. Tamén participan o colexio Cristo Rei e o CIFP Rodolfo Ucha. En total, ao redor de 350 estudantes de 3º e 4º de Bacharelato e Ciclos Formativos dos centros participarán nesta actividade.
 
Exposición no Torrente Ballester 
Ata o 31 de maio pode visitarse no centro cultural Torrente Ballester a exposición de balde sobre Ricardo Carvalho Calero “Imaxe de cen anos” en horario de martes a sábado, de 11 a 14h. e de 17 a 21h. Domingos e festivos, de 11 a 14h. Para visitas grupais organizadas é necesaria previa inscrición en tecnicaeducacion@ferrol.es.
 





Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar