Novas

luns, 09 de marzo de 2020

O próximo 3 de abril, novo prazo para a conclusión das obras na praza de Armas

O Concello concedeulle á adxudicataria dos traballos unha prórroga de catro semanas sobre o período previsto


O próximo 3 de abril, novo prazo para a conclusión das obras na praza de Armas

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a segunda ampliación do prazo de execución da remodelación da praza de Armas. Deste xeito, a marxe da adxudicataria para rematar os traballos increméntase en catro semanas, co que a obra deberá estar lista antes do 3 de abril. Segundo explicou o voceiro do goberno local, o concelleiro Julián Reina, na rolda de prensa posterior á reunión, este incremento debera ser suficiente e incluso se mostrou confiado de que non será necesario esgotar o prazo. En todo caso, asegurou que a praza “estará preparada para as procesións da Semana Santa”. 

Durante as últimas datas viñéronse desenvolvendo traballos como a colocación das lousas históricas nas beirarrúas e de pedras nas rúas Real, Terra e Rubalcava, uns traballos que continúan estes días e aos que principalmente lles falta por executar os tramos próximos á rúa María. O novo pavimento de granito na fronte do Concello está case listo, mentres que nos laterais se demorou debido a traballos da compañía eléctrica nos centros de transformación subterráneos existentes en Terra e Rubalcava. Tamén está instalado o alumeado público, consistente en catro báculos de dez metros de alto con varios proxectores cada un deles. 

A zona que se cubrirá con terra xa ten rematadas as instalacións de saneamento e está ao nivel da base de pavimento estabilizado que servirá de acabado. A previsión é que os traballos se inicien estes días. 

A remodelación da praza de Armas é unha operación cofinanciable polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (Feder) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España Feder 2014-2020 ao abeiro da Estrategia de Desarrollo Urbano Sostenible e Integrado (Edusi) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”.

Direccións de obra 
Reina informou tamén de que a Xunta de Goberno Local deu o visto bo á contratación da dirección das obras nos edificios das rúas Betanzos e Ares, en Recimil, co fin de que en canto se contraten os traballos se poidan iniciar sen demora.  

Outro dos temas que abordou o equipo de goberno na reunión foi a contratación das casetas de praias para a tempada de verán, que por primeira vez se realizará por procedemento aberto, explicou o edil. Estarán destinadas a Ponzos, Santa Comba, Esmelle, A Graña e Caranza, que volverán contar con estas instalacións móbiles. O importe é de 22.294 euros para os dous anos (prorrogables) que durará o contrato (11.147 euros para este ano e igual cantidade para o próximo).  

Reparación do aparcadoiro 
Na súa comparecencia, o concelleiro de Urbanismo avanzou tamén outros temas de interese, coma a próxima actuación no aparcadoiro do cuartel Sánchez Aguilera coa intención de que estea en óptimas condicións para a Semana Santa. Reina explicou que o inicio dos traballos “só está á espera de recibir autorización por parte do Ministerio de Defensa”. A intervención consistirá nun aporte de áridos que serán compactados para eliminar as fochas que presenta a superficie na actualidade. 

Sobre outro párking, neste caso o disuasorio do CHUF, detallou que esta mañá deu “un novo paso na mesa de contratación”. Reina asegurou de que este proxecto, “moi necesario para a cidade”, estará concluído este mesmo ano. “É un paso máis de cara ao cumprimento dese obxectivo que nos marcábamos en decembro e que estamos traballando para conseguir: sacar adiante todos os proxectos correspondentes a investimentos financeiramente sostibles, sen que se pare a contratación doutros servizos”. 

Por outra banda, Reina anunciou a inminencia da finalización das obras no mercado de Caranza, que, dixo, se prevé que conclúan a próxima semana. 

En canto á negociación dos orzamentos para este ano, explicou que continúan os encontros cos grupos. “Gustaríanos aprobalos canto antes, pero o que temos claro é que queremos aprobar uns bos orzamentos”, afirmou, para insistir en que “a proposta que fai o goberno é razoable” e que, por ese motivo, aspira a acadar o maior número de apoios posible. “Se podemos aprobalos con 25 votos, non os imos aprobar con 13”, concluíu.




 


Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar