Novas

martes, 10 de marzo de 2020

Alumnos dos IES Canido e Leixa de Ferrol participan mañá na primeira fase do Club de Debate

Os tres equipos que presenta a cidade competirán contra un de Narón, outro de Negreira e dous de Outes


O Concello de Ferrol participa un ano máis no Club de Debate, dirixido ao alumnado de 3º, 4º da ESO, Bacharelato e ciclos formativos. Trátase dun proxecto para a dinamización lingüística entre a mocidade organizado por varios concellos galegos a raíz dun convenio asinado no ano 2014 que busca contribuír ao uso oral do galego e ofrecer recursos para a práctica de habilidades comunicativas e de relación interpersoal á vez que promove a reflexión e o intercambio de opinións. Por parte de Ferrol participan os IES Leixa, con un grupo, e o IES Canido con dous.

 
A convocatoria consta de dúas partes e mañá terá lugar no Concello de Outes a primeira, na que os municipios participantes divídense en tres grupos: o primeiro está integrado por Ferrol (3 equipos), Narón (1), Outes (2) e Negreira (1); o segundo compóñeno Santiago de Compostela (2), Ames (2) e Teo (3); e no terceiro está Pontevedra (5 equipos), Redondela (2) e Rianxo (1). Un autobús trasladará mañá pola mañá aos alumnos de Ferrol ata o municipio anfitrión. Cada grupo participante deberá defender a postura a favor e en contra do tema “É necesaria a monarquía no século XXI”.

De cada grupo sairán dous equipos gañadores, que obterán un primeiro premio
dun cheque por valor de 500 euros e un segundo de 300. 

A proba final, en maio
Na segunda fase competirán os seis equipos gañadores da primeira proba nun encontro que terá lugar en Santiago no mes de maio. O vencedor poderá gozar dunha viaxe educativa cultural para 25 alumnos do centro escolar polo norte de Galicia o Portugal.  

Para a concelleira de Xuventude e Normalización  L ingüística, Cristina Prados, o obxectivo da participación de Ferrol no Club de Debate é ofrecer “un punto de
encontro”, unha oportunidade “para coñecer as opinións dos alumnos sobre asuntos que lle afectan”. Con esta iniciativa, dixo, o Concello de Ferrol busca “promover o pensamento crítico e a análise, fomentar a diversidade de opinións, a tolerancia fronte a diferentes cuestións e o traballo en equipo”. 
 



Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar