Novas

martes, 10 de marzo de 2020

O alcalde, na celebración do Día da Clase Obreira Galega: “É momento de ir recuperando dereitos laborais”

Mato asegurou que os traballadores do naval “teñen ao seu lado á cidadanía e, por suposto, ao Concello” nas súas reivindicacións


O alcalde, na celebración do Día da Clase Obreira Galega: “É momento de ir recuperando dereitos laborais”

 Ferrol celebrou esta mañá o Día da Clase Obreira Galega cun acto organizado polo Concello e os sindicatos ante o monumento que lembra os sucesos do 10 de marzo de 1972. Ao pé da estatua, representantes do BNG, Ferrol en Común, PP, PSOE, MAS, USTG, UGT, CC.OO. e o alcalde depositaron flores coas que compuxeron a bandeira galega. Na súa intervención, Ángel Mato destacou que Ferrol foi “pioneira na loita polos dereitos dos traballadores e polas liberdades” e que “non é casualidade” que agora sexa o centro da celebración do Día da Clase Obreira Galega. 

O rexedor lembrou que en Ferrol se produciron as primeiras folgas contra o franquismo e que aquí se viviron os tráxicos sucesos que se conmemoran hoxe. “Debémoslle moito a aquel movemento que naceu nos estaleiros ferroláns en plena ditadura e que hoxe, en democracia, segue a reivindicar un futuro non só para os traballadores do naval, senón para a cidade e para toda a comarca”, asegurou, e reclamou “a necesaria modernización das instalacións” de Navantia para que sigan a ser “o motor industrial e económico” da comarca. O alcalde afirmou que no referido a esa reivindicación, como en outras, os empregados do naval “teñen ao seu lado á cidadanía e, por suposto, ao Concello”. Dixo tamén que a situación que se vén arrastrando dende o inicio da crise debe dar un xiro, porque “é o momento de ir recuperando dereitos laborais perdidos” para que se empecen a compensar “os sacrificios que fixeron os traballadores” para arranxar os problemas da economía. 

Para rematar, Mato quixo lembrar a Amador Rey e Daniel Niebla, “que pagaron coa vida a procura dunha sociedade máis xusta. Grazas a moita xente coma eles, que non dubidou en arriscalo todo, hoxe gozamos do período máis longo de liberdades na historia deste país”.

Ofrenda floral no Bertón 
Momentos antes do acto en Recimil, o alcalde  presidiu no Bertón a ofrenda floral no monolito dedicado a Julio Aneiros, co que Ferrol, “coma todo o país, estará sempre en débeda”. Mato repasou a traxectoria do histórico sindicalista, que, tras detencións e torturas, pasou os últimos anos da ditadura, despois dos sucesos do 10 de marzo, no cárcere. O fillo de Aneiros e o propio rexedor foron os encargados de depositar o ramo.





Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar