Novas

mércores, 11 de marzo de 2020

O Concello adxudica a reparación do aparcadoiro do Sánchez Aguilera por 12.450 euros

A concelleira de Obras e Servizos, Ana Lamas, mostrou a vontade do goberno local de que o estacionamento estea en óptimas condicións para a celebración da Semana Santa


A concelleira de Obras, Servizos e Medio Ambiente, Ana Lamas, deu conta esta mañá na comisión ordinaria de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos, Obras, Seguridade e Contratación da adxudicación dos traballos de refocheo no aparcadoiro do cuartel Sánchez Aguilera á empresa Prosema Noroeste por un importe de 12.444,85 euros. A intervención, tal e como adiantou o pasado luns o concelleiro de Urbanismo e voceiro do goberno local, Julián Reina, estaba pendente da autorización do Invied (Instituto de Vivienda, Infraestructura y Equipamiento de la Defensa) ao tratarse dun terreo incluído no convenio que o Concello ten co Ministerio de Defensa. En canto se recibiu o permiso, iniciouse o proceso de adxudicación. 


A intervención consistirá no arado superficial dos lombos e das fochas das zonas deterioradas, o aporte de áridos para o recebado de fochas e o nivelado e compactado da superficie. A intención do goberno local, explicou Lamas, é que estea en óptimas condicións para a celebración da Semana Santa. 

Na comisión de hoxe tamén se informou da programación de poda para esta tempada, que sufriu algunhas alteracións por mor dos numerosos temporais con xornadas de choivas e fortes ventos rexistrados nos meses de novembro, decembro e xaneiro. Dita circunstancia motivou o incremento das retiradas de pólas afectadas ante o risco de esborralle.

Alumeado público 
A responsable de Obras e Servizos tamén lles explicou aos grupos municipais da oposición as actuacións realizadas nas instalacións do alumeado público ao longo do pasado ano. Executáronse un total de 4.976 actuacións, a maioría nos meses de inverno debido á maior probabilidade de sufrir condicións meteorolóxicas adversas e polo maior número de horas de uso. Por actividade, 3.359 foron para o seu mantemento correctivo, é dicir, por avarías producidas por desgaste; 1.155 para o mantemento preventivo; 152 por obras; 105 a consecuencia de actos vandálicos; 51 por accidentes e 36 polos efectos de temporais. O resto corresponden a outro tipo de intervencións. Por último, Lamas tamén deu conta na comisión da relación dos grupos electróxenos examinados na última revisión. 






Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar