Novas

xoves, 12 de marzo de 2020

O Concello pecha as instalacións nas que non se presten servizos esenciais e suspende a actividade cultural, deportiva e institucional

O alcalde anunciou esta tarde o aprazamento das Pepitas e da Mostra Musical do Eixo Atlántico e explicou que moi posiblemente haberá que cancelar os actos da Semana Santa


O Concello pecha as instalacións nas que non se presten servizos esenciais e suspende a actividade cultural, deportiva e institucional

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, anunciou esta tarde as medidas extraordinarias que está a tomar o Concello en función da evolución da epidemia de coronavirus en Galicia e comentou que a rapidez coa que cambia a situación obriga ao Concello a “estar alerta para seguir as indicacións das administracións con competencias en materia sanitaria e para responder con axilidade e coordinación”. 


Tras as restriccións acordadas polo Consello da Xunta das que deu conta o presidente Feijoo a última hora da mañá, o alcalde mantivo varias reunións nas que participaron técnicos municipais e mesmo representantes de entidades afectadas. Ángel Mato visitou algúns dos departamentos nos que se realizan labores de atención ao público para falar cos funcionarios. A raíz de todo isto, o alcalde decidiu adoptar varias medidas que se concretan nun decreto que firmou esta tarde e que entrará en vigor mañá 13 de marzo e se estenderá ata o día 27 deste mes. 

Cancelaranse todas as actividades culturais, deportivas e institucionais organizadas polo Concello. O rexedor dixo que se apraza ata o mes de setembro a Noite das Pepitas e todo o seu programa asociado. Tamén a Mostra Musical do Eixo Atlántico, que se ía celebrar o 18 e o 19 de abril no Auditorio, no Conservatorio Xan Viaño e no Jofre. Este evento aínda non ten nova data. 

Mato tamén dixo que queda suspendido o concerto de James Rhodes no Auditorio, que estaba programado para o día 21, e que se cancela a marcha ciclista popular prevista para o último domingo deste mes, ao igual que a Gala do Deporte Ferrolán, programada para o 2 de abril. 

Continuando coas actividades culturais, tampouco se celebrarán eventos coma A Mocidade coa Lingua ou o acto do Certame Carmela Loureiro, mentres que as actividades do programa Apego serán aprazadas.

Semana Santa 
O alcalde de Ferrol tamén falou da celebración da Semana Santa. Explicou que aínda que, en principio, queda fóra das datas establecidas pola Xunta, hai unha probabilidade “moi elevada” de que se cancele. Este asunto xa se tratou con representantes das confrarías a primeira hora desta tarde e o rexedor quixo agradecer a súa colaboración e comprensión, coma a de todas as persoas e entidades que colaboran co Concello. 

Polo que respecta aos campamentos para nenos que se teñen que celebrar nesas datas, a postura do Concello de Ferrol vai na mesma liña e é previsible que haxa que cancelalos. De ambas cousas informarase puntualmente e con tempo suficiente. 

En canto ás dependencias municipais, o alcalde anunciou o peche ao público das instalacións municipais nas que non se presten servizos esenciais, como son centros cívicos, bibliotecas, o Centro Cultural Torrente Ballester, o Teatro Jofre, o Auditorio de Ferrol, os locais de propiedade municipal nos que desenvolven a súa actividade entidades veciñais e os polideportivos, piscinas, campos de fútbol e calquera instalación deportiva. Só permanecerá neles, en caso de que corresponda, o persoal necesario para labores administrativas, de mantemento e limpeza. 

Tamén se pecharán os comedores sénior e o centro de maiores de Río Xubia, aínda que mañá prestarán servizo. Permanecerán abertas ao público as dependencias administrativas indispensables, se ben o alcalde recomendou á cidadanía que, na medida do posible, realice os trámites e as consultas por medios telemáticos ou telefónicamente e que aprace calquera asunto que non sexa urxente. 

Todas estas medidas terán efecto a partir de mañá, se ben dende o Concello recoméndase que, sempre na medida do posible, toda a cidadanía comece a acatalas xa desde este mesmo momento. De feito, algunhas das instalacións xa están pechadas. 

A atención no fogar mantense en funcionamento 
Ángel Mato recalcou esta tarde que o servizo de atención no fogar mantense en funcionamento con todas as medidas de protección e prevención. Tamén permanecerán abertos os mercados e o cemiterio. 

Medidas internas 

En canto ás medidas que se están a levar a cabo no Concello, o alcalde dixo que mañá venres haberá un encontro cos xefes de todos os servizos para establecer un protocolo para implantar medidas de teletraballo que permitan que a Administración local siga funcionando ao tempo que os traballadores poidan coidar dos seus fillos e traballar desde as súas casas. 

Tamén se celebrará unha reunión do Comité de Sáude e Prevención para elaborar un protocolo para o persoal municipal e especificamente para servizos esenciais como Policía Local e Bombeiros. Así mesmo, estableceranse medidas concretas nas zonas de atención ao público. 

O alcalde agradeceu o traballo de todo o persoal sanitario e de todas as persoas que colaboran co Concello e lembrou a importancia neste momento “do comportamento individual para manter as prácticas hixiénicas”.





Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar