Novas

venres, 13 de marzo de 2020

O Concello pecha os parques infantís e os biosaludables

Benestar Social habilita entregas a domicilio para os usuarios de comedores sénior que carezan de recursos económicos


O Concello pecha os parques infantís e os biosaludables

Tras o anuncio realizado polo presidente do Goberno de que o Consello de Ministros vai aprobar o estado de alerta, o goberno local acordou esta tarde ir adoptando medidas adicionais respecto das postas en marcha onte para conter a propagación da epidemia de coronavirus. O gabinete de crise presidido polo alcalde, Ángel Mato, decidiu ampliar as restriccións contidas no decreto que entrou en vigor a primeira hora de hoxe e pechar os parques infantís e os biosaludables, na mesma liña que xa están a facer outros concellos galegos. 


Esta mañá o goberno local mantivo dous encontros cos traballadores municipais para coordinar medidas internas de prevención por mor da evolución da epidemia de coronavirus. A concelleira de Recursos Humanos, María Teresa Deus, presidiu a reunión do Comité de Saúde e Prevención do Concello para trasladar ao persoal municipal instruccións para desenvolver o servizo de atención ao público nas distintas dependencias municipais, que pasan por seguir as recomendacións da Consellería de Sanidade e do Ministerio de Sanidade. As medidas inclúen lavar as mans frecuentemente, manter distancia coas outras persoas e evitar tocar os ollos, a nariz e a boca, entre outras. 

A edil trasladou aos representantes dos sindicatos con representación na xunta de persoal que as dependencias municipais contarán con material necesario para evitar contaxios, como guantes, xel desinfectante e un producto específico para limpar as zonas e mostradores de atención ao público e os vehículos da Policía Local e Bombeiros. Igualmente, reforzarase a limpeza das zonas con maior afluencia de persoas. 

A continuación, o alcalde, Ángel Mato, presidiu outra reunión cos xefes de servizo do Concello, na que tamén participaron a concelleira de Recursos Humanos, o concelleiro de Seguridade, Germán Costoya; o concelleiro de Urbanismo e portavoz do goberno municipal, Julián Reina, e a concelleira de Servizos Sociais, Eva Martínez Montero. 

Tratábase de acordar medidas para minimizar as posibilidades de contaxio e coñecer de primeira man a súa opinión como responsables dos servizos municipais. Este encontro serviu para establecer unha coordinación en canto á adopción de métodos de teletraballo e para reducir ao mínimo imprescindible a atención presencial ao público e desviala a citas telefónicas ou telemáticas. Esta reunión convocarase de novo pasada a fin de semana. 

Dado que hai trámites que non se poden aprazar, habilitaranse medidas extra en departamentos coma o Rexistro, no que se poderían instalar barreiras físicas entre os traballadores e o público ou, directamente, trasladalo de forma temporal a dependencias onde xa existan estes medios.

Aquaciencia, Aula de Ecoloxía Urbana, oficinas de turismo e capela do cemiterio 
Dende primeira hora da mañá notificáronse os peches de instalacións decretados onte, que se foron materializando durante as últimas horas. Tras diversas consultas formuladas por cidadáns ao longo da mañá, o goberno local aclarou que o peche de instalacións inclúe Aquaciencia, a Aula de Ecoloxía Urbana e as oficinas de turismo. Tamén permanecerán cerradas a Casa da Xuventude e a Casa da Muller, na que se atenderán urxencias a través do número de teléfono 981 944 124. 

Aínda que o cemiterio de Catabois continúa aberto ao público, hoxe tomouse a decisión de pechar tamén a súa capela. Ademais, no tocante a reunións de persoas, atenderase ás limitacións establecidas pola Xunta de Galicia. 

Por outra banda, dende Benestar Social seguirase dando servizo aos usuarios dos comedores sénior que teñan unha maior vulnerabilidade económica. Realizarase mediante entrega dos menús a domicilio. No caso de nenos beneficiarios das becas comedor e que pertenzan a familias en situación económica grave, entregaránselles vales para alimentos. Tamén se atenderá telefonicamente aos usuarios dos servizos sociais, aínda que, por suposto, no caso de que se detecte unha urxencia, prestaráselle atención inmediatamente. Nese sentido, preparáronse protocolos moi claros para detectar este tipo de situacións. En canto ás unidades básicas, a de Caranza trasladouse ao Edificio Social. As demais permanecen abertas nas dependencias habituais, incluso as da Casa Solidaria, pese a que o resto desta instalación está pechada. 

O alcalde insistiu en que a cidadanía non acuda ao Concello nin ao resto de dependencias municipais salvo que sexa absolutamente necesario. Nese senso, lembrou que hai moitos trámites que se poden realizar perfectamente de forma telemática e as consultas débense facer por teléfono. Mato chamou novamente á calma. “Temos que ser responsables e colaborar con todas as medidas que nos indiquen as autoridades sanitarias e o Goberno”, dixo.









Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar