Novas

sábado, 14 de marzo de 2020

O Concello estuda medidas de apoio a autónomos e pequenos negocios para amortiguar o impacto da crise do coronavirus

O alcalde solicitoulles a todos os grupos políticos municipais a súa colaboración para poder poñelas en marcha


O Concello estuda medidas de apoio a autónomos e pequenos negocios para amortiguar o impacto da crise do coronavirus

 Esta tarde celebráronse no pazo municipal dúas reunións de seguimento da crise xerada pola epidemia de coronavirus, ambas, presididas polo alcalde, Ángel Mato. Na primeira participaron tamén o concelleiro de Seguridade, Germán Costoya, o coordinador de Seguridade e os xefes da Policía Local e dos Bombeiros. Serviu para analizar como se están a cumprir as medidas decretadas tanto pola Xunta de Galicia como polo propio Concello. 

Dende o goberno local pídese a colaboración de toda a cidadanía, e en especial dos responsables dos negocios, para que se cumpra a resolución do Goberno galego. Tanto a Policía Local coma a Nacional verificaron ao longo do día o peche dos establecementos comerciais e hostaleiros, e esta mañá víronse obrigadas a lembrar en máis dunha ducia deles a obrigatoriedade de pechar. Neste primeiro día tratouse de advertencias verbais, pero é preciso recordar que as sancións por incumprir a lei de emerxencias de Galicia poden supor ata 15.000 euros, no caso das graves, e ata 600.000 no das moi graves. 

A segunda reunión foi a do gabinete de crise. Nela estudouse a situación que vai implicar a declaración do estado de alarma. “Pese a que se trata dunha medida necesaria, entendemos que xerará tamén problemas que, dentro do posible, temos que intentar atenuar”, dixo o alcalde despois do encontro, no que se decidiu solicitarlles a todos os grupos municipais o seu apoio para que o Concello poña en marcha unha serie de axudas para autónomos e pequenos negocios que sufran especialmente as consecuencias negativas desta crise. Trataríase de medidas que servisen para complementar as que estableza o propio Goberno central. 

Tamén se acordou pór en marcha o Plan de Emerxencias Municipal, de xeito que todos os medios de seguridade permanezan en estado de alerta, e concretar as restriccións de atención ao público no pazo municipal a partir de primeira hora do luns. Nese senso, Mato lembroulle á cidadanía que non acuda ao Concello salvo que se trate de asuntos moi urxentes e que intente realizar as xestións de forma telefónica ou telemática. O luns habilitaranse varios números de teléfono para consultas a Benestar Social. As emerxencias atenderanse en persoa na Casa Solidaria e no Edificio Social. 

O rexedor tamén explicou que, en canto ao transporte público, a concesionaria dos autobuses está a extremar a limpeza a través dun protocolo específico. Pola súa banda, as centrais de taxis tamén puxeron en marcha protocolos para que o servizo estea garantido, mentres que dende o Concello trasladáronselles indicacións para que poidan levar a cabo unha correcta limpeza dos vehículos. 

Reparacións na rede de auga 
Ademais, á Empresa Mixta de Augas de Ferrol solicitóuselle que, salvo que sexa imprescindible, evite acometer obras que impliquen interrupcións no subministración, para que os cidadáns poidan seguir extremando as medidas de hixiene nos seus fogares. Como excepción, na noite do luns ao martes verase na obriga de cortar o abastecemento á Graña para reparar un tubo que resultou danado no transcurso das obras de saneamento que está a levar a cabo a Xunta de Galicia. Trátase de traballos que non se poden demorar, xa que existe risco dunha nova avaría que causaría problemas moito maiores que a reparación. 

Por último, o alcalde confirmou que os actos da Semana Santa quedan definitivamente suspendidos. O Bispado, a Xunta de Confrarías e o Concello acordaran anuncialo o luns, explicou, pero debido á evolución dos acontecementos decidiuse comunicar hoxe mesmo a suspensión, de acordo coas medidas decretadas polo Goberno.






Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar