Novas

luns, 16 de marzo de 2020

O Concello entregará vales para alimentos ás familias beneficiarias da beca comedor que o necesiten

Benestar Social garante a atención ás persoas sen fogar mediante a colaboración coas entidades sociais


O Concello entregará vales para alimentos ás familias beneficiarias da beca comedor que o necesiten

O Concello de Ferrol adoptou esta mañá novas medidas de acordo co estado de alarma decretado polo Goberno central para conter a expansión do coronavirus. Refírense, sobre todo, aos ámbitos de Benestar Social, Obras e Servizos e Organización Interna. O alcalde, Ángel Mato, deu conta de todas elas tras a reunión do gabinete de crise do goberno local celebrada a partir das 13.00 horas. 

O departamento de Benestar Social puxo en marcha dous números de teléfono a través dos que se canalizarán todas as xestións relacionadas cos asuntos da súa competencia. Son o 981 944 230 (Edificio Social) e o 981 944 234 (Casa Solidaria). Estarán atendidos permanentemente no horario habitual de apertura do Concello para pór en contacto aos cidadáns coas áreas de Maiores, Dependencia, Necesidades Básicas, Menores ou Administración, segundo corresponda. O alcalde insistiu en que é importante que se empreguen estes números para contactar con Benestar Social en lugar de acudir de maneira presencial, porque no caso de que fose necesario, así se indicaría nesta primeira atención telefónica. 

A concelleira Eva Martínez reuniuse esta mañá con representantes de entidades sociais. Para garantir a atención ás persoas sen teito explorouse a posibilidade de obter máis espazo no albergue Pardo de Atín, pero ante a imposibilidade de que cubra toda a demanda, o Concello encargarase de proporcionarlle aloxamento ás non teñan praza nese centro. Ademais, xa se acordou coa Cociña Económica o envío de menús a esas mesmas persoas. En principio, trátase de 16 que non son usuarias habituais da institución benéfica. Pola súa banda, Cáritas manterá aberto o seu centro de inclusión social. 

Para usuarios dos comedores sénior que se atopen en situación de vulnerabilidade, o Concello contratou un servizo de entrega de menús a domicilio. En canto ao de axuda no fogar, o goberno local pediulles ás empresas que o prestan que informen da hipotética dispoñibilidade debido a posibles baixas, para así poder destinar os recursos a outras persoas que o necesiten. 

O peche dos comedores escolares xerou unha situación delicada para moitas familias que tiñan concedida beca para este servizo. Ás que o soliciten, explicou Mato, vánselles proporcionar vales de necesidades básicas para que poidan mercar alimentos. Actualmente teñen concedida a beca case 400 familias. “Trátase dunha medida excepcional e apelamos á responsabilidade dos pais”, dixo o alcalde antes de indicar que “quen teña verdadeira necesidade” debe chamar aos servizos sociais do Concello para solicitalo. O rexedor asegurou que, en calquera caso, o Concello quere garantir a cobertura das necesidades básicas das persoas que o precisen, e que se fose necesario, o servizo de Protección Civil encargaríase de prestar apoio.

Campamentos cancelados e prazos en suspenso 
Tamén quixo aclarar, ante preguntas que están a chegar ao Concello, que os campamentos de Semana Santa para nenos están cancelados e que os prazos administrativos quedan suspendidos, incluída a devolución de libros da biblioteca, aspecto polo que se están a interesar moitos cidadáns. 

No referido a Obras e Servizos, a intención do Concello, detallou o alcalde, é que os traballos que non constitúan ningún risco nin para os traballadores nin para a cidadanía continúen, sempre “garantindo as medidas de prevención”. Se nalgún caso non puidese ser así, suspenderanse de inmediato. Precisou tamén que aínda que hoxe estean en marcha, como é o caso da praza de Armas, iso non implica que nas próximas horas ou nos próximos días haxa necesidade de paralas por calquera circunstancia nova. 

Co peche da maior parte dos edificios municipais, o Concello vaille solicitar á empresa que presta o servizo de limpeza que destine aos seus traballadores a realizar labores específicas e en profundidade en diversas instalacións aproveitando que van estar baleiras. Esta medida, que se tomaría sempre que sexa posible e estean de acordo tanto a empresa coma os traballadores, serviría tamén para paliar unha falta de traballo que puidese implicar medidas temporais de reducción de emprego.

Obras na rede de auga 
Esta mañá iniciouse a reparación da conducción de auga que rompeu na Malata durante as obras de saneamento que leva a cabo a Xunta de Galicia. Os traballos estaban previstos para a noite, cando causarían menores prexuízos, pero a reparación de emerxencia que se fixera anteriormente non aguantou o suficiente e foi necesario comezar xa. Estase axilizando todo o posible e intención é que o problema estea solucionado para a tarde. 

Mato informou tamén das medidas de carácter interno postas en marcha esta mañá no Concello. Ata novo aviso, quedan suspendidas temporalmente todas as comisións informativas e os plenos, salvo que sexa imprescindible convocalos por cuestións de urxencia. 

No que respecta á organización do traballo, o rexedor firmou un decreto polo que se establece o peche total da atención presencial nas oficinas municipais, salvo casos de urxencia e previa cita concertada a través do teléfono de atención cidadá (981 944 000). Cada servizo realizará adaptacións da xornada laboral para evitar a concorrencia diaria de traballadores, e haberá quendas por semana, de xeito que só acuda o persoal imprescindible para prestar os servizos básicos. O persoal de risco queda autorizado a ausentarse do seu posto, ao igual que ao que teña menores a cargo ou maiores dependentes.

Segundo recolle o documento, terán a consideración de servizos públicos esenciais que seguirán desenvolvéndose polos traballadores os seguintes: atención á cidadanía (telefónica e telemática), conserxería, informática, habilitación, comunicación, oficinas centrais de rexistro e certificacións, padrón de habitantes, seguridade e emerxencias, servizos sociais, brigada de vías e obras, parques e xardíns, limpeza e recollida de residuos, augas, mantemento de instalación eléctricas e alumeado, supervisores de servizos, cemiterio, responsables de unidades administrativas, xestión de persoal, secretaría xeral, intervención, tesourería e alcaldía. 

A primeira hora, o alcalde reuniuse cos responsables de Seguridade para facer un seguimento da situación. Esta noite formuláronse as a primeiras denuncias por incumprir o estado de alarma. Mato indicou que unha delas foi contra un home que deambulaba pola estrada de Castela e se resistiu a volver ao seu domicilio.  Os axentes que o descubriron, cerca das dúas da madrugada, trataron de convencelo de que depuxera a súa actitude, pero negouse, ata que finalmente foi denunciado por incumprir a lei de seguridade cidadá. Outros tres individuos tamén resultaron denunciados en termos similares tras ser localizados na rúa Marín despois de que varios veciños alertaran de que un pequeno grupo de persoas trataba de forzar a entrada dunha vivenda.  

Á marxe de pequenos incidentes, Mato quixo agradecer á cidadanía a súa comprensión e o que, en xeral, está a ser un comportamento exemplar. 
 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar