Novas

martes, 17 de marzo de 2020

O Concello pecha a Casa Solidaria e centraliza os trámites de Benestar no Edificio Social

A concellería mantén operativos os dous números de teléfono habilitados para canalizar as xestións relacionadas co Benestar


O Concello pecha a Casa Solidaria e centraliza os trámites de Benestar no Edificio Social

O Concello de Ferrol continúa adoptando novas medidas de acordo co estado de alarma decretado polo Goberno central para conter a expansión do coronavirus. No día de hoxe o alcalde, Ángel Mato, decidiu pechar a Casa Solidaria, na rúa Velázquez, aínda que se manteñen os números habilitados para canalizar as xestións relacionadas cos asuntos de Benestar Social tanto da Casa Solidaria (981 944 234) como do Edificio Social, na rúa Sánchez Barcáiztegui (981 944 230). Ambas dúas liñas atenderanse desde o Edificio Social no horario habitual de apertura do Concello, de 9 a 14 horas, para pór en contacto aos cidadáns coas áreas de Maiores, Dependencia, Necesidades Básicas, Menores ou Administracións, segundo corresponda. Tras o peche da Casa Solidaria, os vales para as familias máis vulnerables entregaranse no Edificio Social previa cita telefónica.

O alcalde insistiu en que é importante que se empreguen estes números para contactar con Benestar Social en lugar de acudir de maneira presencial, porque no caso de que fose necesario así se indicaría nesta primeira atención telefónica.  

A concelleira da área, Eva Martínez, lembrou que Cáritas mantén aberto o seu centro de inclusión social e insistiu en que o Concello garante a atención das persoas sen fogar e o seu aloxamento. Tamén se acordou coa Cociña Económica o envío de menús a esas mesmas persoas. 

A edil fixo un chamamento ás persoas maiores para que chamen por teléfono “ante calquera necesidade”. “Ofrecemos”, dixo, “un servizo esencial e neste momento estamos a disposición da cidadanía, en especial dos máis vulnerables”.  

Controis policiais sen incidencias
Esta mañá celebrouse unha nova reunión de Seguridade presidida polo alcalde para facer un seguimento da situación e dar conta das incidencias das últimas horas. Durante o día de onte a Policía Local realizou controis a 40 persoas e 30 vehículos sen rexistrar sanción algunha. De madrugada, sobre as tres, os axentes tiveron que sancionar a un veciño por incumprir o estado de alarma na estrada de Castela. 

Limpeza e desinfección en profundidade
Outro dos asuntos tratados na reunión de Seguridade de esta mañá foi as medidas de seguridade e prevención que se están a tomar en todos os vehículos municipais, que inclúen os servizos de Policía Local, Bombeiros, Obras e Servizos e o de guindastre. Ademais da limpeza e desinfección diaria desenvolvida por cada unha das quendas, a partir de mañá mércores executaranse de forma periódica unhas labores extraordinarias de hixiene en profundidade en ditos vehículos, comezando polos correspondentes aos servizos de Policía Local e Bombeiros.












Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar