Novas

martes, 17 de marzo de 2020

Ferrol contará a próxima semana con 6 novos policías locais e onte comezaron as súas prácticas outros 10

O Concello coordínase con Protección Civil e Bombeiros para garantir a atención aos cidadáns durante o estado de alarma, que poden solicitar axuda a través dos teléfonos habilitados


Ferrol contará a próxima semana con 6 novos policías locais e onte comezaron as súas prácticas outros 10

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, presidiu esta mañá unha nova reunión do gabinete de crise creado con motivo da expansión do coronavirus, para valorar novas medidas e facer un seguimento da situación. Durante a xuntanza, o concelleiro de Seguridade avanzou que ao longo da próxima semana a cidade contará con 6 novos policías locais procedentes de outros municipios que se incorporarán con carácter inmediato aos seus postos de traballo. Outros 10, que tomaron posesión o día 5 de marzo e que non poden continuar coa súa formación na Academia Galega de Seguridade Pública ante a suspensión da actividade docente con motivo da crise do coronavirus, incorporáronse xa ao persoal da Policía Local de Ferrol para realizar prácticas en quenda de día e sempre acompañados por axentes do corpo. Deste modo, as rúas da cidade contarán a próxima semana cun total de 16 novos policías. 

Outro dos asuntos tratados na reunión foi a coordinación entre a área de Benestar Social do Concello, o corpo de Bombeiros e a agrupación de Protección Civil para atender calquera necesidade que teñan os veciños de Ferrol. O Concello ten a disposición da veciñanza tres números de teléfono. O contacto para diferentes trámites é que corresponde ao servizo de Atención Cidadá, o 981 944 000, e para calquera necesidade durante o estado de alerta motivado pola crise do coronavirus os veciños que necesiten algún tipo de axuda poden chamar aos números 981 944 230 e 981 944 234.

Oito espazos municipais a disposición das autoridades sanitarias 
Por outra banda, a solicitude do Goberno, o Concello vén de informar sobre as instalacións municipais que se poderían habilitar como espazos de atención sanitaria en caso de que se producira esa necesidade. Trátase dos polideportivos da Malata, Esteiro, Ensanche e Caranza, a Casa do Deporte e os pavillóns 5, 1-2 e 3 de FIMO. O número potencial de camas que se poderían instalar, segundo os requisitos de espazo, serían de 60, 60, 47, 47 60, 150, 205 e 120, respectivamente, o que suma un total de 749.





  
 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar