Novas

mércores, 18 de marzo de 2020

A Policía Local realizou onte 138 controis a vehículos e peóns

Sancionou a un establecemento hostaleiro e a tres persoas por incumprir as medidas contempladas no estado de alarma


A Policía Local realizou onte 138 controis a vehículos e peóns

 A Policía Local de Ferrol levou a cabo onte 138 controis a vehículos e viandantes, segundo informou o xefe do corpo na reunión de coordinación de Seguridade celebrada esta mañá no Concello coa presencia do alcalde, Ángel Mato, e o concelleiro desa área, Germán Costoya. Do total, 96 das comprobacións corresponderon a vehículos que circulaban pola vía pública, a cuxos condutores non se lles impuxo ningunha sanción. Dos 42 peóns aos que se identificou, tres foron denunciados. Dous deles por camiñar cos seus cans pola praia de Doniños. Tal e como comprobaron os axentes, non tiñan o seu domicilio nas inmediacións, ao contrario do que recolle a excepción contemplada para pasear mascotas. Desde a Policía Local lembran que estes percorridos deben facerse o máis preto posible da vivenda. A outra persoa denunciada foi un home que deambulaba pola rúa da Igrexa ás dúas da madrugada sen poder xustificar a súa presenza na vía pública. 

Os axentes municipais tamén se viron na obriga de impoñer unha sanción ao responsable dun café situado no mercado de Recimil. O establecemento estaba a servir aos seus clientes na barra. 

Esta mañá procedeuse ao peche da área de autocaravanas da Malata, na que se atopaba un vehículo ocupado por dúas persoas de nacionalidade italiana. Indicóuselles que debían abandonar o lugar. 

Tamén pola mañá, iniciouse a limpeza e desinfección en profundidade dos vehículos municipais. Os primeiros foron os da Policía Local, Bombeiros e Protección Civil, e quedan pendentes nesta primeira quenda os de Obras e Servizos, do guindastre e a autoescada do corpo contraincendios, na que hoxe se estaba a levar a cabo unha reparación. Encárgase desta tarefa unha empresa especializada contratada polo Concello.
 
Accidente na rotonda de Basanta 
En canto ao accidente ocorrido esta madrugada, en torno ás seis, na rotonda de Basanta, o traballador do servizo de limpeza que resultou lesionado foi trasladado ao hospital e confirmouse que o seu estado non reviste gravidade. O sinistro produciuse ao incorporarse á FE-13 dende a AP-9 un turismo, que chocou coa varredora mentres esta circulaba pola rotonda. Foi necesaria a intervención dos bombeiros para sacar ao traballador do interior da máquina. A Policía someteu ao condutor do turismo a probas de alcohol e drogas, que en ambos casos deron resultado negativo. O home dirixíase ao seu traballo.




Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar