Novas

xoves, 19 de marzo de 2020

O goberno local pon en marcha as primeiras medidas económicas para atenuar os efectos da crise entre os autónomos e as pequenas empresas

Modificará o calendario fiscal e aprazará as débedas tributarias coa Administración municipal


O goberno local pon en marcha as primeiras medidas económicas para atenuar os efectos da crise entre os autónomos e as pequenas empresas

O Concello poñerá en marcha nos próximos días as primeiras medidas para atenuar os efectos do descenso da actividade económica debido á crise do coronavirus. O pasado venres, día 13, o alcalde, Ángel Mato, encargou aos distintos servizos municipais unha análise de diferentes iniciativas para facer fronte ás consecuencias socioeconómicas na cidade. Froito deste estudo, nos próximos días empezaranse a tramitar medidas transitorias destinadas a pemes e autónomos, que consistirán no aprazamento de débedas tributarias e a redución proporcional de taxas e prezos públicos de forma proporcional ao período que permaneza en vigor o estado de alarma decretado polo Goberno central. Ao non estarse producindo o feito impoñible (por exemplo, a ocupación de espazo público para a instalación de terrazas), o Concello terao en conta á hora de liquidar esa taxa. Tamén se establecerán modificacións no calendario do contribuínte aprobado para o 2020, no sentido de ampliar determinados períodos de cobranza. 

A estas medidas iniciais engadiranse outras de maior calado que, como xa se anunciou o pasado sábado, complementarán ás procedentes do Estado. Desde a Administración local estanse analizando as posibilidades que a tal efecto ofrece o Real Decreto-Lei 8/2020, de 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do Covid-19. No seu texto, publicado hoxe no Boletín Oficial do Estado, recolle, entre outras, que os gobernos locais poderán dedicar parte do superávit do 2019 a financiar axudas económicas e as prestacións dos servizos sociais de atención primaria e á dependencia. No caso de Ferrol, o departamento de Benestar Social prevé xa un importante incremento dos seus gastos debido á situación. 

Nestes momentos, o Concello está a habilitar todos os mecanismos para desenvolver con normalidade o seu labor interno e garantir os pagos ordinarios. O alcalde asegurou que “a Administración non vai parar e os provedores van cobrar coma sempre” porque, insistiu, “os servizos están traballando para realizar con normalidade os pagos das facturas”. 

Transporte metropolitano e romaría de Chamorro 
Durante a reunión do gabinete de crise o concelleiro Julián Reina informou tamén da redución das frecuencias no transporte metropolitano, dependente da Xunta de Galicia, e explicou que por parte da área de Mobilidade do Concello xa se deu traslado a todas as asociacións veciñais da nova configuración do servizo, que se reduce nun 50 %. Por outra banda, o edil de Cultura e Festas, Antonio Golpe, deu conta da suspensión da romaría da Virxe de Chamorro, que se ía celebrar o luns 13 de abril.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar