Novas

xoves, 19 de marzo de 2020

O Concello activa un servizo para realizar a compra de alimentos e medicamentos a quen o necesiten

A campaña municipal “Se non podes, imos nós” comeza mañá venres e atenderá ás persoas necesitadas de luns a sábado a través dos números de teléfono 981 320 000 e 698 126 700


O Concello activa un servizo para realizar a compra de alimentos e medicamentos     a quen o necesiten

O Concello de Ferrol, a través da concellería de Seguridade, que dirixe Germán Costoya, pon en marcha desde mañá venres, 20 de marzo, a campaña “Se non podes, imos nós” para dar servizo ás persoas que necesiten axuda para realizar a compra de alimentos e medicamentos. Trátase dunha nova medida activada polo Concello ante a situación excepcional provocada pola declaración de estado de alarma polo Goberno central. 

Para coordinar o servizo, o departamento de Seguridade vén de habilitar os números de teléfono 981 320 000 e 698 126 700. Prestarase atención continuada de luns a venres de 10 a 17 horas atendendo chamadas ata as 18 horas e os sábados de 10 a 14 horas e ao teléfono ata as 15 horas. 

A campaña “Se non podes, imos nós” levarase a cabo en colaboración con Protección Civil e estará dirixida a persoas con mobilidade reducida ou en illamento sanitario sen opción a que un familiar realice dita tarefa. 

A campaña impulsada polo Concello inclúe un estrito protocolo de actuación. Unha vez recibida a chamada, realizarase unha primeira recollida de datos do solicitante e se lle informará das medidas que debe adoptar dependendo do servizo requirido, como por exemplo a necesidade de abrir o portal ou a porta de acceso á vivenda, a retirada de dous metros do límite da entrada o ter o diñeiro da compra nunha bolsa de plástico. En caso de non ter bolsas, os voluntarios de Protección Civil as terán dispoñibles. Ditas instrucións serán repetidas a través do telefoniño ou da entrada á vivenda. O solicitante deberá firmar un documento onde estará recollida a compra a realizar e o diñeiro entregado. 

O protocolo de actuación recolle que mentres os dous voluntarios están na vivenda do solicitante, o condutor do vehículo preparará o kit de desinfección para o diñeiro, o vale para alimentación e a tarxeta sanitaria no caso de medicamentos. Todos os voluntarios de Protección Civil levarán os EPI (equipos de protección individual) e o material sanitario necesario en base á normativa.  

Unha vez no supermercado o farmacia, os profesionais adoptarán todas as medidas sanitarias establecidas nos protocolos de seguridade sanitaria. De volta á vivenda do solicitante, seguiranse as mesmas medidas de actuación que na primeira visita. Por último, a chegada á base realizarase unha limpeza e desinfección en profundidade do vehículo e do material empregado. 

O concelleiro de Seguridade, Germán Costoya, insistiu en que a campaña está dirixida “a calquera veciño da nosa cidade que pola causa que sexa non pode baixar á rúa para cubrir as súas necesidades básicas” e precisou que o Concello realizará ditas tarefas, por suposto, “sen ningún coste”. 
 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar