Novas

xoves, 19 de marzo de 2020

As policías Local, Nacional e Naval crean un mecanismo de coordinación para as labores de vixilancia en Ferrol

O alcalde, Ángel Mato, presidiu esta mañá no pazo municipal a reunión da Xunta Local de Seguridade convocada para establecer as canles de comunicación e organización


As policías Local, Nacional e Naval crean un mecanismo de coordinación para as labores de vixilancia en Ferrol

Esta mañá celebrouse no pazo municipal unha reunión da Xunta Local de Seguridade convocada para establecer mecanismos de coordinación entre os corpos policiais que levan a cabo as labores de vixilancia en Ferrol durante o estado de alarma. A este dispositivo está en disposición de incorporarse a Policía Naval, para repartirse esta tarefa coa Local e a Nacional, tras a solicitude formulada polo alcalde, Ángel Mato, á Subdelegación do Goberno. 

Na xuntanza, presidida por Mato, participaron o concelleiro de Seguridade, Germán Costoya; o coordinador de Seguridade do Concello, o xefe de Bombeiros, o xefe da Policía Local, o comisario xefe da Policía Nacional e mandos do Corpo de Infantería de Mariña. Tamén da Garda Civil, que foi invitada pese a que non ten competencias dentro do termo municipal. 

A reunión serviu para tomar coñecemento dos detalles da situación en Ferrol e a evolución da mesma, así como das medidas adoptadas ata o momento e avanzar outras novas. Unha delas é establecer un sistema de coordinación entre as policías Local, Nacional e Naval para o futuro despregamento e distribución de patrullas tanto na cidade coma na zona rural que velen polo cumprimento das restricións establecidas no estado de alarma decretado polo Goberno central o pasado sábado, 14 de marzo. Nese senso, tras a reunión, o alcalde aproveitou para agradecer á cidadanía o comportamento exemplar que, salvo casos moi concretos, está a ter e pediulle que siga sendo comprensiva para facer fronte á expansión da epidemia de coronavirus. 

Reunións periódicas en función da evolución da situación 
Dende o punto de vista sanitario, abordáronse posibles necesidades que poidan xurdir, para ter previstos protocolos de actuación, e estableceuse como prioridade actual a de facilitar o traballo dos profesionais sanitarios tanto nos hospitais coma nos centros de atención primaria. Neste punto, o Corpo de Infantería de Mariña comunicou que pon a disposición os seus medios loxísticos ante calquera eventualidade, xa que conta con recursos para prestar apoio ante posibles necesidades tanto de carácter social coma sanitario. Por exemplo, traslado de persoas ou de bens. 

Por último, acordouse que no caso de que sexa necesario se convoquen reunións periódicas, suxeitas á evolución da crise do Covid-19 no termo municipal.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar