Novas

venres, 20 de marzo de 2020

O alcalde anuncia a intensificación dos controis na vía pública para garantir o cumprimento das restricións impostas durante o estado de alarma

Nos últimos días, a Policía Local lembroulles a numerosos cidadáns as limitacións decretadas polo Goberno e tivo que impoñer 40 denuncias


O alcalde anuncia a intensificación dos controis na vía pública para garantir  o cumprimento das restricións impostas durante o estado de alarma

A reunión diaria de Seguridade celebrada hoxe no pazo municipal serviu, entre outros asuntos, para avanzar nun incremento dos controis na vía pública co obxectivo de verificar que os desprazamentos dos cidadáns obedecen aos supostos contemplados no Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declarou o estado de alarma. Dende este momento, a Policía Local coordinará novos operativos coa Nacional para reforzar estas medidas. Ata o momento, os axentes municipais centráronse, sobre todo, en lembrarlle á cidadanía a obriga de permanecer nos seus domicilios salvo situacións de forza maior, e só se procedeu a tramitar denuncias en casos de incumprimento flagrante. En total, tramitáronse 40. Catro delas corresponden ao día 16, tres ao 17 e oito ao 18, mentres que onte se incrementaron ata as 25. 

Tras a xuntanza, o alcalde, Ángel Mato, explicou que nos próximos días tratarase de facer un seguimento cada vez máis estrito da presenza de persoas nas rúas ferrolás debido a que se avanza cara o pico de contaxios da epidemia de Covid-19. Esta decisión adoptouse a indicación do Goberno e consonte coas recomendacións das autoridades sanitarias. Mato lembrou a necesidade de que todos sexamos máis conscientes que nunca de que só se conseguirá superar a crise actuando con responsabilidade e pediulles a todos os ferroláns “paciencia e comprensión”, xa que o obxectivo final é protexer a saúde da cidadanía. O alcalde tamén insistiu en que a mellor forma de axudar a veciños que o necesiten é empregar as canles establecidas polas Administracións, que no caso do Concello é un servizo de atención ás persoas co que se pode contactar a través dos números de teléfono 981 320 000 e 698 126 700. “Canto menos contacto haxa entre persoas que non estean preparadas para abordar este tipo de situacións, mellor”, asegurou o rexedor ferrolán, que invitou a deixar a asistencia nas mans dos corpos de seguridade, os sanitarios “e os voluntarios con formación específica, coma os de Protección Civil”, que seguen uns protocolos moi estritos para desenvolver o seu labor en circunstancias coma a actual. 

Por último, detallou, unha vez máis, que a mellor forma de combater o coronavirus a nivel individual e extremar a hixiene, manter a distancia de seguridade entre persoas e, no caso de notar os síntomas da enfermidade, illarse e chamar aos teléfonos habilitados para recibir instrucións. 

Encontrada en San Pedro de Leixa
Durante a reunión de Seguridade tamén se informou ao alcalde dos extremos do dispositivo posto en marcha na tarde de onte para localizar a unha muller de 83 anos que marchou do Hospital Arquitecto Marcide nun momento que quedou soa mentres estaba a ser atendida. Tras unha intensa busca polas inmediacións do centro hospitalario e incluso na zona de Catabois, desde onde se recibiron chamadas de veciños indicando que podería atoparse alí, finalmente, pasadas cerca de catro horas, foi atopada en San Pedro de Leixa.




Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar