Novas

venres, 20 de marzo de 2020

O Concello prepara coas entidades sociais novas medidas para atender a persoas sen fogar en previsión de que se puidesen detectar máis casos

Os voluntarios de Protección Civil encargaranse de facerlles chegar ás familias en situación de necesidade os alimentos que as ONG xa lles estaban a entregar antes do inicio da epidemia


O Concello prepara coas entidades sociais novas medidas para atender a persoas sen fogar en previsión de que se puidesen detectar máis casos

O salón de sesións do pazo municipal acolleu esta mañá unha xuntanza da Mesa de Coordinación de Persoas sen Fogar presidida polo alcalde, Ángel Mato, na que participaron representantes da área sanitaria, Cáritas, La Cocina Económica, a Cruz Vermella, Dignidad e o albergue Pardo de Atín. Durante o encontro, a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, e o edil de Seguridade, Germán Costoya, puxeron en común cos asistentes, entre outros aspectos, os protocolos de actuación a persoas sen fogar mentres dure a crise provocada pola epidemia de Covid-19, e analizaron o documento técnico de recomendacións que o Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 remitiu nas pasadas horas á Administración local. 

O principal asunto que se tratou foi o establecemento dunha coordinación para dar resposta a situacións que se están a detectar nas últimas horas como resultado da crise, para que o Concello, en contacto coas entidades, poida proporcionar un aloxamento adecuado ás persoas que neste momento carecen del e preparar alternativas en previsión de que nos próximos días puidese aumentar o seu número. Do mesmo xeito, abordouse a coordinación de cuestións asistenciais con Asfedro e a Asociación de Exalcohólicos referidas a este colectivo. 

As solicitudes de vales para alimentos, nos números 981 944 230 e 981 944 234 
Os participantes tamén abordaron os problemas que están a padecer as persoas en exclusión social. Segundo explicou a edil, o Concello habilitou mecanismos para garantir que se sigan entregando alimentos a familias que xa os estaban a recibir antes da epidemia. En lugar dos voluntarios que se encargaban desa tarefa, optouse agora por canalizar esta axuda a través dos de Protección Civil, que contan con formación específica para situacións como a que se está a dar na actualidade e seguen un protocolo estricto para evitar a expansión do virus. Martínez Montero insistiu tamén en que as solicitudes de vales se efectúen, sempre que sexa posible, a través dos números de teléfono de Benestar Social, 981 944 230 e 981 944 234.
 








Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar