Novas

sábado, 21 de marzo de 2020

O Concello súmase á petición dos traballadores da recollida do lixo para que a cidadanía colabore no bo funcionamento deste servizo básico

Tanto o alcalde, Ángel Mato, como a concelleira Ana Lamas expresaron o seu agradecemento polo labor que están levando a cabo en circunstancias tan complicadas coma as destes días


O Concello súmase á petición dos traballadores da recollida do lixo para que a cidadanía colabore no bo funcionamento deste servizo básico

O Concello de Ferrol manifestou esta mañá a través do alcalde, Ángel Mato, e a concelleira de Servizos, Ana Lamas, o seu recoñecemento ao labor que están levando a cabo os traballadores da recollida de lixo nunhas circunstancias tan complicadas coma as que implican a epidemia de coronavirus e a declaración do estado de alarma. 

O comité de empresa de Urbaser, a compañía que presta este servizo en Ferrol, pediu hoxe a través dun comunicado a implicación de toda a veciñanza para facilitar o funcionamento da recollida e minimizar os riscos de contaxio para os empregados que se encargan de levala a cabo. Entre as sinxelas medidas que figuran no documento están depositar as bolsas de lixo dentro dos colectores e á última hora da tarde, recoller os excrementos das mascotas e non tirar cabichas á rúa. 

Recoñecemento extensivo aos empregados do resto de servizos municipais
A estas demandas súmase o goberno local, que lembra a importancia de que estes traballadores sigan podendo desenvolver coa maior normalidade posible unha tarefa crucial para a manter a cidade nunhas condicións axeitadas. Lamas insistiu en que todos eles están a cumprir co seu cometido coa máis absoluta profesionalidade e quixo facer público o seu máis expresivo agradecemento en nome de todo o Concello, un recoñecemento que fixo extensivo aos responsables de manter en funcionamento o resto de servizos esenciais que presta a Administración local ferrolá. “De que entre todos colaboremos á hora de facilitarlles o seu traballo depende que o servizo se poida manter correctamente mentres dure a alarma”, concluíu a edil.






Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar