Novas

sábado, 21 de marzo de 2020

O Concello entregará os menús a domicilio aos usuarios deste servizo da Cocina Económica

A concellería de Seguridade, en colaboración co Protección Civil, asume o reparto para evitar os desprazamentos das persoas que ata agora recollían a comida no centro social


O Concello entregará os menús a domicilio aos usuarios deste servizo da Cocina Económica

A reunión diaria de Seguridade celebrada esta mañá no pazo municipal serviu, entre outros asuntos, para facer un seguimento da situación provocada pola crise da pandemia de Covid-19 e para poñer sobre a mesa novas medidas de protección. Nesta liña, o concelleiro Germán Costoya anunciou que desde hoxe mesmo o Concello de Ferrol está a colaborar coa Cociña Económica para encargarse de levar a domicilio os menús que a diario sirve este centro social ás persoas que teñen fogar e que ata agora recollían para levalo aos seus domicilios. É un servicio que desenvolve o Concello en colaboración coa agrupación de voluntarios de Protección Civil para “evitar desprazamentos e reducir así as posibilidades de contaxios ” por coronavirus, explicou o responsable de Seguridade. O reparto, insistiu, realizaranse sempre cumprindo co protocolo de protección recomendado polas autoridades sanitarias. 

Na xuntanza tamén informouse da marcha dos controis que se están a realizar na vía pública co obxectivo de verificar que os desprazamentos dos cidadáns obedecen aos supostos contemplados no Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declarou o estado de alarma. O concelleiro indicou que a Policía Local en coordinación coa Nacional realizou no día de onte un total de 104 controis a vehículos, dos cales a inmensa maioría circulaba segundo a lei. Os axentes tiveron que impoñer 18 sancións entre condutores e peóns, entre eles a un grupo de cinco persoas que viaxaban no mesmo coche a Madrid para, segundo alegaron, coller un avión rumbo a Arxentina. 

Por outra banda, Costoya lembrou que o Concello vén de poñer en macha a campaña “Se non podes, imos nós”, un novo servizo de axuda a quen non poida saír do seu domicilio para facer compras de alimentos o medicamentos durante o estado de alarma. Os teléfonos 981 320 000 e 698 126 700 recollerán chamadas de 10 a 18 horas de luns a venres e de 10 a 15 os sábados. 

O servizo, que se leva a cabo en colaboración con Protección Civil, non ten ningún custo. O edil indicou que o Concello está traballando para poñer a dispor dos cidadáns todos os seus recursos para combater a expansión do coronavirus e protexer aos seus veciños. Por último, lembrou a necesidade de cumprir coas recomendacións sanitarias. 
 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar