Novas

luns, 23 de marzo de 2020

O Concello centraliza a entrega aos hospitais de máscaras, luvas, monos e gafas doadas polas empresas e clasifica o material no antigo Hospicio

O alcalde, Ángel Mato, agradece a todas as compañías a súa axuda nun momento no que "todos debemos colaborar coas autoridades sanitarias", especialmente a Cofer e a Navantia


O Concello centraliza a entrega aos hospitais de máscaras, luvas, monos e gafas doadas polas empresas e clasifica o material no antigo Hospicio

A falta xeral de equipos de protección individual (EPI) para facerlle fronte á epidemia do COVID-19, tamén entre os provedores, motivou que por parte do goberno local de Ferrol se intensificasen nos últimos días as xestións para facerse con este material coa intención de facilitarllo aos profesionais que o necesitan para levar a cabo o seu labor. Hoxe mesmo, o Concello xestionou a doación de numerosos EPI por parte de Navantia e empresas auxiliares do sector naval con destino aos servizos sanitarios. O alcalde, Ángel Mato, púxose en contacto coa compañía pública para canalizar a través da Administración local a recollida de material, que se está a clasificar no antigo Hospicio para a inmediata distribución entre os centros sanitarios atendendo á demanda do Sergas. 

Esta fin de semana, o alcalde tamén lle enviou ao presidente da Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (Cofer), Cristóbal Dobarro, unha carta na que lle solicitaba que lles transmitise aos seus asociados a falta destes equipos que se está a rexistrar entre os profesionais que permanecen en contacto co persoal de risco. Pregáballe que lle facilitasen ao Concello o material do que dispuxesen para asignarllo ás persoas que están prestando os servizos, co compromiso de que unha vez finalizada a crise lles será reposto polo Concello. A resposta por parte do tecido empresarial, “nun momento no que todos debemos colaborar coas autoridades sanitarias en todo o que poidamos”, está a ser “excepcional”, segundo Mato. O rexedor trasladou o agradecemento do Concello "a todas e cada unha das empresas que ao longo do día de hoxe cederon material e ás que nos mostraron a súa intención de facelo nos próximos días", e, especialmente ao presidente de Cofer; ao vicepresidente, Jorge Silveira, "que se implicaron rápidamente", e a Navantia. 

Do mesmo xeito, o rexedor animou a todas as firmas da cidade e da comarca, así como a calquera entidade que estea en disposición de facelo, a contribuír na medida das súas posibilidades a facilitarlles ás autoridades sanitarias e aos corpos de seguridade e de emerxencias o stock deste tipo de elementos que conserven nas súas instalacións. O Concello encargarase de recollelos.

O alcalde explicou que as prioridades para a distribución destes equipos son, en primeiro lugar, o persoal sanitario do Sergas e do 061; en segundo, o das residencias de maiores, e en terceiro, os corpos de seguridade e os servizos de emerxencias municipais. 

Material recollido
Ángel Mato visitou esta tarde o antigo Hospicio, onde se está a centralizar o inventario dos equipos de protección individual (EPI) recollidos polo Concello para cederllos ao Sergas e distribuílos entre o persoal que estea máis exposto á epidemia de COVID-19. 

Ata esta tarde, o departamento de Seguridade do Concello tiña inventariado numeroso material, recollido na súa práctica totalidade polos voluntarios de Protección Civil, que contaron coa axuda dos bombeiros para unha das saídas. Por parte de Navantia (estaleiro de Ferrol e Fene) entregouse 1228 monos de diferentes tallas, 4670 máscaras FFP1/FFP2, 34 gafas anticontaxio e 460 filtros P2R e P3R. Indasa cedeu 384 luvas de nitrilo de diferentes tallas, 300 gafas, 400 máscaras FFP2, 4000 máscaras FFP1 e 600 monos desbotables de diferentes tallas. Pola súa banda, Calsomatu colaborou con 50 monos desbotables, 25 gafas de seguridade e 114 guantes de goma de diferentes tallas. A peluquería Three entregou 200 guantes de nitrilo de diferentes tallas, 100 capas desbotables, 1 esterilizador e 4 paquetes de toallas desbotables e gasa, 100 buzos. A Sociedade Galega de Historia Natural colaborou con 54 botellas de alcohol sanitario de 70 %, 36 pares de luvas de traballo, 300 luvas de látex, 200 luvas de nitrilo, 19 gafas de protección e 7 mascarillas FFP2.

Protocolos de recollida e reparto 
A recollida de material estase canalizando a través de Protección Civil, que segue un estrito protocolo para levar a cabo esta tarefa. Os voluntarios realizan un inventario, do que se deixa unha copia ao doador, e trasládase á sede da agrupación. Alí, nun espazo aséptico e previamente desinfectado, distribúese en lotes unitarios, con todas as medidas de seguridade sanitaria por parte do persoal que leve a cabo este labor. En cada caixa figurará unha indicación do material que contén. Posteriormente, os lotes serán trasladados ás dependencias de saúde que se indiquen desde as autoridades sanitarias, nas que se firmará a súa recepción. O protocolo lembra que a recollida e distribución deste material é un servizo de alto risco, dado que vai dirixido ao persoal que coida da  saúde da poboación nun momento tan delicado, polo que “todas as medidas sanitarias establecidas son de obrigado cumprimento”. 

En días pasados, dende a área de Seguridade elaborouse un documento coas necesidades do persoal dos grupos operativos de intervención de primeira liña de defensa contra a epidemia e do persoal dedicado a tarefas relacionadas cos servizos sociais, no que figuran 97 axentes e mandos da Policía Local, 43 funcionarios do servizo contraincendios, 64 membros do de Protección Civil, 20 do de traballo social e 25 de labores de recollida de material básico. En total, os EPIS cos que se daría cobertura a todo este persoal consisten en máis de 2.000 máscaras de diferentes tipos, outras tantas unidades de guantes de nitrilo, 200 batas cirúrxicas, 2.000 litros de diferentes desinfectantes e 300 gafas de protección. O subministro de parte deste material xa foi contratado polo Concello. 

Reforzo da limpeza con axentes biocidas 
Outra das medidas que o Concello puxo en marcha para loitar contra o coronavirus é a intensificación da limpeza en zonas onde poida existir unha maior afluencia de xente. Desde a área de Servizos, que dirixe a concelleira Ana Lamas, elaborouse un listado que inclúe as inmediacións da Cocina Económica, do albergue Pardo de Atín, do centro de Cáritas, do Edificio Social, de todos os centros hospitalarios da cidade, da residencia de maiores de Caranza, das residencias Micasa e Geriatros, dos supermercados, dos mercados e dos puntos de venta ao por menor, coma farmacias ou estancos. 

En todos estes lugares, o persoal de limpeza está a empregar axentes biocidas para levar a cabo o baldeo e dese xeito garantir unha correcta desinfección.
 
Albergue provisional para persoas sen teito e reparto para a Cocina Económica 
No tocante aos servizos sociais, o equipo de goberno está xestionando a conversión da Casa do Mar nun albergue provisional para o caso de que fose necesario acoller a máis persoas sen teito. Neste momento, o Pardo de Atín xa non dispón de espazo e a área de Benestar Social do Concello está a asumir o aloxamento de varias persoas que se atopan nesa situación. A intención é preparar con antelación suficiente unha alternativa en previsión de que mentres se prolongue o estado de alarma se poida experimentar un incremento do número de demandantes. Esa mesma concellería, en colaboración coa de Seguridade, está a organizar na praza de España (nas instalacións onde se desenvolven os campamentos infantís) un punto de reparto de menús procedentes da Cocina Económica, que continuará elaborando a comida diaria dos seus usuarios, pero será o Concello o que se encargue de distribuíla por cuestións de seguridade.
 
 



 
 
 


 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar