Novas

martes, 24 de marzo de 2020

O Concello intensifica a desinfección con lixivia e a limpeza da cidade para evitar a propagación do Covid-19

Servizos reorganizou o persoal de Urbaser para preservar as condicións de seguridade dos traballadores e reforzar a hixienización diaria das rúas e dos contedores


O Concello intensifica a desinfección con lixivia e a limpeza da cidade para evitar a propagación do Covid-19

O Concello de Ferrol, a través da concellería de Servizos, que dirixe Ana Lamas, está a intensificar durante a última semana os traballos de limpeza e desinfección con sulfatadoras que conteñen auga e lixivia nas zonas de maior afluencia de persoas, como nas contornas de mercados e supermercados, panaderías, farmacias, accesos a centros sanitarios e de maiores, quioscos, as inmediacións do centro de Cáritas, do albergue Pardo de Atín, do Edificio Social e dos estancos co obxectivo de evitar a propagación do Covid-19. No día de hoxe, os operarios encargados das labores de desinfección profunda da empresa Urbaser centráronse neste tipo de establecementos do centro de Ferrol, Canido, Ferrol Vello, os ensanches, Recimil, Catabois, Telleiras, Caranza e nas vivendas de Bazán. Ademais, tamén a diario cinco brigadas están a aumentar a limpeza e baldeo con xabón das rúas da cidade.  

A concelleira responsable de Servizos explicou que aos traballos excepcionais de hixienización e desinfección diaria con lixivia súmanse en quenda de tarde máis operarios para a limpeza do centro, as inmediacións e interior do mercado de Recimil e os arredores do mercado da Magdalena. Outras tres brigadas encargaranse da limpeza e baldeo de aquelas zonas que sexa necesario repasar e un camión recolector retira os residuos de lugares como o cemiterio e os mercados.   

Desinfección con lixivia tamén nos contedores 
Ana Lamas engadiu que ademais de reforzar os traballos de desinfección, a súa concellería traballa tamén na recollida diaria dos residuos dos contedores. Dita tarefa, como non podía ser doutro modo, vai acompañada do correspondente lavado e desinfección con lixivia e auga por distritos dos contedores, tanto dos 328 de carga lateral como dos 1.845 de carga traseira. 

A responsable de Servizos quixo agradecer a todos os operarios de Urbaser a “extraordinaria” labor que están a desenvolver “nestes días tan difíciles” e nunhas circunstancias “tan complicadas” coma as que implican a epidemia de coronavirus e a declaración do estado de alarma. Lamas lembrou que para minimizar os riscos de contaxio entre os empregados que se encargan de levar a cabo a recollida de lixo, é importante depositar as bolsas dentro dos colectores —e non nos portais—  e á última hora da tarde, recoller os excrementos das mascotas e non tirar cabichas á rúa. 
 




Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar