Novas

mércores, 25 de marzo de 2020

O Concello entrega no CHUF milleiros de máscaras, monos, batas e luvas doados durante os últimos días

Os voluntarios de Protección Civil tamén trasladaron material ao CAMF, ao 061, a Cáritas, ao albergue Pardo de Atín, ao persoal de atención á dependencia e ás residencias de maiores


O Concello entrega no CHUF milleiros de máscaras, monos, batas e luvas doados durante os últimos días

O Concello de Ferrol comezou a repartir o material doado estes días por diferentes empresas da cidade e da comarca con destino ao Sergas e ao persoal que leva a cabo labores de risco durante a epidemia de COVID-19. Dende o punto loxístico de emerxencias instalado no antigo Hospicio partiron onte pola tarde furgóns con voluntarios de Protección Civil que se encargaron de trasladar os equipos de protección individual (EPI) aos lugares onde son máis necesarios nestes momentos. A prioridade foi o CHUF. No Hospital Arquitecto Marcide entregáronse 1.924 máscaras tipo FFP2, 29 caixas de luvas de nitrilo de diferentes tallas, 429 monos de varias medidas, 6 batas cirúrxicas, 1 caixa de gorros cirúrxicos e 22 gafas de protección. 

Desta distribución tamén se beneficiaron o Centro de Atención a Persoas con Discapacidade Física (CAMF), ao que se lle achegaron 50 monos, a base do 061 (máscaras FFP2), Cáritas (30 mascarillas FFP1), o albergue Pardo de Atín (30 máscaras FFP1), a residencia de maiores de Caranza (1 caixa de máscaras FFP1), a residencia Mi Casa (1 caixa de máscaras FFP1), a residencia Domus VI (1 caixa de máscaras FFP1) e o persoal de atención á dependencia (1 caixa de máscaras FFP1). 

Mentres, continúan as cesións de EPIs por parte de diferentes empresas. Esta mesma mañá estase inventariando novo material chegado ao antigo Hospicio. Boa parte del procede de outra importante entrega realizada por Navantia, que contén unha cantidade de material similar á recollida polos voluntarios de Protección Civil nos estaleiros de Ferrol e Fene o pasado luns. Pero tamén hai elementos procedentes de pequenos negocios, dende clínicas dentais ata ferraxerías.
 
Chamamento do alcalde 
O alcalde, Ángel Mato, quere insistir no seu agradecemento a todos os que están a colaborar nesta recollida de EPIs e fai un novo chamamento a que as empresas e particulares que dispoñan destes equipos llos cedan ao Concello para que poida distribuílos entre os profesionais que están a combater a epidemia en primeira liña e que están máis expostos ao virus. O máis necesario nestes momentos son batas e monos cirúrxicos desbotables, máscaras cirúrxicas, máscaras FFP2 e FFP3, luvas de nitrilo desbotables, xel hidroalcohólico e gafas de protección pechadas polo lateral. Lembrou tamén o chamamento da Federación Española de Municipios e Provincias para que as clínicas, empresas ou calquera organización que polo motivo que sexa dispoña dalgún respirador, o entregue tamén, xa que se trata dun equipo imprescindible de cara aos próximos días. Quen dispoña destes materiais pode informar a través do correo alcaldia@ferrol.es e do número de teléfono 981 944 000.






Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar