Novas

domingo, 03 de maio de 2020

O Concello estuda implantar un sistema telemático para solicitar citas e evitar así colas nas oficinas municipais

O concelleiro Julián Reina, responsable do Centro de Recursos Informáticos, está a analizar cos técnicos diferentes posibilidades de cara ao levantamento do estado de alarma


O Concello estuda implantar un sistema telemático para solicitar citas e evitar así colas nas oficinas municipais

O Concello de Ferrol está analizando estes días distintos modelos de atención ao público de cara ao futuro levantamento do estado de alarma. Entre eles, destaca a posibilidade de implantar un sistema de xestión de citas personalizado, a través do que a cidadanía podería solicitar, de forma telemática, hora para acudir ás oficinas municipais. O obxectivo é, segundo explica Julián Reina, concelleiro responsable do Centro de Recursos Informáticos municipal, “evitar as esperas nas dependencias do Concello e a formación de colas de persoas”. Deste xeito, os veciños poderían realizar os seus trámites nunhas condicións de maior seguridade e mantendo máis facilmente as distancias de seguridade. 


É unha das direccións nas que está a traballar o equipo de Reina, pero non a única. Outra das posibilidades que o edil está analizando cos técnicos do CRI é a posta en marcha dun sistema que facilite trámites e prestación de servizos sen acudir fisicamente ás oficinas municipais. A pesar de que algúns asuntos xa se podían xestionar deste xeito, a experiencia das pasadas semanas, cunha situación de estado de alarma que obrigou a pechar a maior parte das dependencias, serviu para detectar e concretar moitas das necesitades que se producen nunha conxuntura coma a actual. O concelleiro quere aproveitar esta circunstancia para modernizar os medios cos que a Administración se relaciona coa cidadanía e impulsar a videoatención. “Do que se trata é de optimizar a atención ao público e pór á súa disposición os medios axeitados para evitar desprazamentos e perdas de tempo”, resume Reina.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar