Novas

domingo, 03 de maio de 2020

O Concello recolleu hoxe na Delegación do Goberno 15.000 máscaras para o seu reparto entre usuarios do transporte público e traballadores

A Policía Local, o Corpo de Bombeiros e Protección Civil encargaranse da distribución dos equipos de protección individual en coordinación coa Policía Nacional


O Concello recolleu hoxe na Delegación do Goberno 15.000 máscaras para o seu reparto entre usuarios do transporte público e traballadores

Persoal do Concello recolleu esta mañá na Delegación do Goberno en Galicia 15.000 máscaras para o seu reparto en Ferrol. Ante a obrigatoriedade de empregar estes equipos de protección individual nos transportes públicos, mañá comezaranse a distribuír entre os usuarios de buses, trens e taxis. Nesta primeira fase, tamén se lles entregarán estas EPIs a traballadores que acudan aos seus postos. 


A Policía Local, os Bombeiros e a agrupación de Protección Civil faranse cargo da entrega dunha parte destas unidades. Os primeiros dous corpos cumprirán con este cometido sobre todo na quenda de mañá, nas dúas estacións e na estrada de Castela, Catabois, Caranza e a praza de Galicia, co que se cubrirán a práctica totalidade das liñas de bus, pero tamén estarán na zona hospitalaria, o polígono da gándara e o porto. Os voluntarios de Protección Civil, que desenvolverán o seu labor prefentemente pola tarde, momento do día no que teñen menor carga de traballo, completarán o dispositivo organizado pola concellería de Seguridade, que dirixe Germán Costoya. Outra parte das máscaras puxéronse hoxe mesmo a disposición da Policía Nacional para que, á súa vez, cubra as necesidades destes colectivos en outros lugares. Todos estes corpos coordinaranse para chegar á maior parte da cidade.

Nos taxis e nos autobuses 
Por outra banda, mañá tamén haberá máscaras nos taxis e nos autobuses metropolitanos. Como parte deste operativo, o concelleiro de Mobilidade, Julián Reina, púxose en contacto tanto coa empresa concesionaria do transporte de viaxeiros como cos dous colectivos de taxistas que hai na cidade para ofrecérllelas. Así, os usuarios que aínda non puideran facerse con unha terán a oportunidade de conseguila para cumprir coa norma nos seus desprazamentos. Nos buses, as máscaras poñeranse a disposición dos pasaxeiros sen que o condutor teña que manipulalas, segundo informou a compañía. 

A intención deste operativo é chegar, preferentemente, ás persoas que estarán obrigadas a empregar máscaras protectoras e a aquelas que desenvolvan labores sensibles. O goberno local planea estender nos próximos días o reparto a outras actividades, en función das existencias, e sempre entregando equipos de protección individual que cumpran cos estándares e certificados conforme á normativa.






Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar