Novas

luns, 04 de maio de 2020

O Concello executa un plan de posta a punto dos parques infantís para cando se autorice o seu uso

A responsable da área asegura que o obxectivo é “preparalos para que estean arranxados e ao día no momento no que os nosos veciños máis pequenos poidan utilizalos”


O Concello executa un plan de posta a punto dos parques infantís para cando se autorice o seu uso

O Concello de Ferrol, a través da concellería de Obras e Servizos, da que é titular Ana Lamas, vén de poñer en marcha un plan de posta a punto dos parques infantís co fin de que estean arranxados e ao día no momento no que o Goberno central autorice o seu uso. 


Hai uns días comezaron os traballos de repintado dos elementos de xogo e a súa desinfección cunha sulfatadora que pulveriza hipoclorito sódico nun total de 25 recintos para nenos aproveitando que non se pode facer uso deles. Do mesmo xeito, Lamas ordenou que se repuxesen todas aquelas pezas que estiveran en mal estado ou desaparecesen. 

Polo momento, a empresa encargada do mantemento de parques infantís preparou xa os de Amboage, o Cantón, o Parque Raiña Sofía e o da rúa Poeta Pérez Parallé, entre outros, e continuará percorrendo o resto ata completar os 25. Coa posta en marcha deste plan, explica, “aproveitamos que agora non se poden usar para traballar neles e preparalos para o día en que os nenos poidan utilizalos”. Este plan de actuación inclúe unha nova desinfección en profundidade, tamén con hipoclorito sódico, nos 55 parques infantís de Ferrol apenas uns días antes de que os nenos teñan permitido utilizalos.

Reorganizar San Felipe 
O Concello, explica Lamas, está a revisar as certificacións de todos os parques infantís e vai poñer especial atención na reorganización do de San Felipe para adaptalo á nova normativa. Pola súa banda, no caso do de A Graña II e o da Fonte de Insua, ámbolos dous de menor tamaño, a concellería de Obras e Servizos xa retirou os elementos de xogos e os que están en bo estado serán trasladados a outros espazos para nenos. 

Neste senso, detallou Lamas, o Concello “ten un claro compromiso cos parques infantís de Ferrol”, polo que “temos previsto investir en eles para arranxalos e modernizalos”. A “nosa vontade é que cada barrio conte cun”, dixo, e adiantou que o Concello estuda a posibilidade de dotar á cidade dun novo espazo deste tipo. 





Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar