Novas

luns, 04 de maio de 2020

O Concello pechará ao tráfico varias rúas da cidade para que os viandantes poidan manter as distancias de seguridade

Despois de analizar a primeira fin de semana na que o Goberno permitiu pasear e facer deporte, a concellería de Seguridade ampliará a superficie destinada aos peóns


O Concello pechará ao tráfico varias rúas da cidade para que os viandantes poidan manter as distancias de seguridade

Tras o levantamento dalgunhas restricións á circulación de persoas, que se viñan mantendo para combater a epidemia de covid-19, o Concello de Ferrol ampliará a superficie destinada aos viandantes en varias rúas para que poidan realizar actividade física non profesional. Durante esta fin de semana, o departamento de Seguridade, que dirixe o concelleiro Germán Costoya, analizou en qué puntos do casco urbano se rexistraba unha maior afluencia de veciños para camiñar ou facer deporte, e detectouse a conveniencia de ampliar a superficie destinada a tal fin en varias localizacións. Dese xeito será moito máis doado que os peóns ou ciclistas poidan manter as distancias de seguridade. Tamén se tiveron en conta as suxestións formuladas por colectivos veciñais. 


Así, decidiuse pechar ao tráfico unha serie de vías. En principio, ás que afectará esta medida son a avenida do Mar, entre a glorieta do Conservatorio e a baixada da avenida de Castelao; a estrada da Feira de Mostras, dende a glorieta do campo de fútbol ata a da avenida do 19 de Febreiro, e varias rúas do barrio da Magdalena, no que se creará un perímetro destinado aos viandantes e que estará delimitado polas interseccións de Sol con Carmen, Coruña e Sánchez Barcaiztegui; as de Igrexa con Rubalcava e Concepción Arenal; a de Méndez Núñez con Magdalena, e a de Real con Arce. 

Trátase dunha medida flexible que non estará restrinxida unicamente ás franxas horarias ás que fai referencia a Orde SND/380/2020, sobre as condicións nas que se pode realizar actividade física. Terase en conta en cada momento a necesidade de levala a cabo, en función do volume de usuarios que se detecte ou se prevea. Ademais, podería aplicarse en outros espazos públicos da cidade segundo se vaia comprobando a conveniencia de facelo así. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar