Novas

martes, 05 de maio de 2020

A estrada baixa do Porto e Celso Emilio Ferreiro tamén contarán con máis espazo para os peóns

Para gardar a distancia de seguridade, o Concello recomenda camiñar pola dereita nas vías públicas que teñan beirarúa


A estrada baixa do Porto e Celso Emilio Ferreiro tamén contarán con máis espazo para os peóns

O Concello acordou hoxe que a estrada baixa do Porto e a rúa de Celso Emilio Ferreiro tamén dispoñan de máis espazo para os viandantes, co obxectivo de que estes poidan gardar a distancia mentres fan actividade física. Do mesmo xeito que acontecerá co resto de vías públicas afectadas por esta medida, dependendo das necesidades, en determinados momentos poderían pecharse ao tráfico completamente ou habilitaríase un carril ou superficie adicional para os peóns e poderían seguir circulando vehículos, pero sempre salvagardando a seguridade das persoas. 


Durante a pasada fin de semana, o departamento de Seguridade, que dirixe o concelleiro Germán Costoya, analizou en qué puntos do casco urbano se rexistraba unha maior afluencia de veciños para camiñar ou facer deporte, e detectou varios lugares sensibles, ademais de ter en conta as suxestións formuladas por colectivos veciñais. 

Así, decidiuse pechar ao tráfico unha serie de vías. A medida afecta á avenida do Mar, entre a glorieta do Conservatorio e a baixada da avenida de Castelao; á estrada da Feira de Mostras, dende a glorieta do campo de fútbol ata a da avenida do 19 de Febreiro, e a varias rúas do barrio da Magdalena, no que se creará un perímetro destinado aos viandantes e que estará delimitado polas interseccións de Sol con Carmen, Coruña e Sánchez Barcaiztegui; as de Igrexa con Rubalcava e Concepción Arenal; a de Méndez Núñez con Magdalena, e a de Real con Arce. A elas únense agora, tras a reunión diaria do departamento de Seguridade, as citadas Celso Emilio Ferreiro e estrada baixa do Porto. 

Durante a xuntanza tamén se estableceu a recomendación de que os cidadáns circulen pola dereita das vías públicas sempre que sexa posible e estas dispoñan de beirarrúas, para así tratar de camiñar todos no mesmo sentido. Isto facilitará manter as distancias axeitadas e evitará ter que internarse na calzada para deixar paso a persoas que pasen en sentido contrario.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar