Novas

martes, 05 de maio de 2020

O BOP publica as bases das axudas para autónomos e pequenas empresas de Ferrol

O alcalde, Ángel Mato, indica que o obxectivo da subvención do Plan de Mellora para a Empregabilidade (PAME) é “impulsar a actividade económica da cidade” e “protexer o emprego”. O Boletín Oficial da Provincia difundirá nos próximos días o extracto da convocatoria, que marcará a apertura do prazo para que os interesados presenten as súas solicitudes


O BOP publica as bases das axudas para autónomos e pequenas empresas de Ferrol

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou no día de hoxe as bases reguladoras para a subvención do Plan de Mellora para a Empregabilidade (PAME-Ferrol), que recolle liñas de axuda a autónomos e pequenas empresas co fin de paliar os efectos da epidemia de covid-19. Estas axudas, deseñadas pola concellería de Emprego e Promoción Económica, que dirixe a segunda tenente de alcalde María Teresa Deus, convocaranse oficialmente nos próximos días. O alcalde, Ángel Mato, explicou que ditas medidas “de apoio ao tecido económico da cidade”, aprobadas por unanimidade no pleno extraordinario do pasado 27 de abril, buscan “impulsar a actividade económica de Ferrol” e ao mesmo tempo “protexer o emprego”. 


O Concello de Ferrol destina dous millóns de euros ao Plan de Mellora para a Empregabilidade, co que pretende promover o dinamismo económico outorgando liquidez ás empresas para que atenúen o impacto da redución de ingresos e poidan manter os postos de traballo. 

As bases que hoxe se publicaron no BOP establecen varias contías. Unha fixa de 1.500 euros dirixida a persoas físicas e xurídicas con ou sen traballadores ao seu cargo cando a actividade que desenvolven estea afectada polo peche de establecementos disposto no Real Decreto 465/2020 de 17 de marzo. Outra tamén fixa de 1.000 euros para os casos nos que a actividade non estivera recollida nese Real Decreto pero sufrise unha redución de facturación de polo menos o 75 %. Ademais, en ambas as liñas de axuda haberá incrementos de 120 euros por cada persoa traballadora ata os nove empregados; de 100, entre os 10 e os 20 traballadores, e de 70, entre os 21 e 49. 

En todos os casos, os beneficiarios serían autónomos, microempresas ou pequenas empresas con domicilio fiscal ou centro de actividade dentro do termo municipal de Ferrol. As bases tamén recollen que as solicitudes deberán dirixirse ao negociado municipal de Promoción Económica e Emprego e terán que presentarse por medios electrónicos a través da sede electrónica do Concello de Ferrol. O prazo, de 20 días hábiles, empezará a contar dende a publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, prevista para os próximos días.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar