Novas

mércores, 06 de maio de 2020

O Concello de Ferrol desinfecta instalacións do centro Souto de Leixa a petición da Xunta

O goberno local indica que a colaboración entre as Administracións é “un deber” nunha situación coma actual


O Concello de Ferrol desinfectou hoxe unha estancia do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade Souto de Leixa na que en pasadas semanas permaneceu un interno enfermo de covid-19. Fíxoo a través dunha empresa contratada para hixienización de equipos e instalacións municipais e a solicitude da Xunta de Galicia, titular do centro. Traballadores desta compañía desprazáronse a media mañá ao centro ferrolán para levar a cabo esas tarefas de desinfección con todas as garantías sanitarias e deixar esta parte das instalacións lista para volver ser utilizadas con normalidade. 


A concellería de Seguridade, que dirixe Germán Costoya, tratou de atender con toda a celeridade a petición, xa que nunha situación coma a actual, “máis que nunca”, é “un deber” que as Administracións públicas colaboren entre elas “e se presten apoio mutuo para cumprir coas obrigas de cara á cidadanía”.

Hixienización de vehículos municipais 
Tamén hoxe, a mesma empresa comezou unha nova quenda de hixienización de vehículos de Protección Civil, Bombeiros, Policía Local, Servizos e demais parque móbil municipal. Estes labores véñense realizando de maneira periódica dende o inicio da epidemia de coronavirus e serven para garantir a seguridade sanitaria dos automóbiles que empregan os traballadores do Concello. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar