Novas

mércores, 06 de maio de 2020

O goberno local analiza as perspectivas turísticas da cidade con representantes do sector

O alcalde, Ángel Mato, e os concelleiros María Teresa Deus e Julián Reina mantiveron un encontro telemático con membros de máis dunha decena de asociacións, institucións e empresarios. O edil de Urbanismo proporá mañá nunha xuntanza con técnicos municipais a ampliación do espazo das terrazas para que os negocios se adapten á desescalada co menor prexuízo posible


O goberno local analiza as perspectivas turísticas da cidade con representantes do sector

O alcalde, Ángel Mato, e os concelleiros Julián Reina e María Teresa Deus mantiveron esta semana unha reunión telemática con representantes de diferentes ámbitos relacionados co turismo para analizar as perspectivas do sector na cidade tras a epidemia da covid-19. Deus, que ademais de edil de Turismo é tamén de Facenda e de Promoción Económica, detalloulles todas as medidas fiscais e de apoio económico directo que o Concello vén adoptando ao longo destas últimas semanas de estado de alarma para tratar de paliar os efectos da crise e soster e impulsar a actividade económica. 


No encontro participaron, entre outros, unha decena de voceiros de axencias de viaxes; de asociacións de hostalería, de comercio e empresariais; do colectivo do taxi ou de establecementos hoteleiros, cos que os edís adquiriron o compromiso de manter o contacto para seguir abordando a problemática que se lle presenta ao sector. 

A todos eles, o alcalde aseguroulles que o Concello ten a firme intención de apoiar ao sector turístico, como parte importante do tecido económico da cidade, dentro das súas competencias e facendo todo o esforzo que lle permitan os seus recursos, e insistiulles en que o goberno local comezou a traballar nesa liña dende o primeiro momento da crise epidémica e continuará a facelo mentres sexa necesario, adoitando novas medidas de apoio e fomento da actividade económica.

Apoio dos grupos políticos 
Unha das cuestións que se analizaron, debido á próxima reapertura da hostalería, foi a especial preocupación dos propietarios dos locais pola programación da chamada “desescalada” e de que maneira afectarán aos negocios requisitos como a redución da ocupación das terrazas. Sobre este punto, que depende da concellería de Urbanismo, Reina detallou que se están estudando fórmulas, tanto dende o punto de vista xurídico coma do técnico, que sirvan para compensar o descenso mantendo, en todo caso, a seguridade das persoas. 

De feito, na Comisión Informativa de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos, Obras, Seguridade e Contratación celebrada na mañá de hoxe, o edil trasladoulles aos grupos políticos municipais a proposta de ampliar o espazo destinado ás terrazas dos establecementos hostaleiros, unha medida que contou co apoio dos membros da comisión. Reina tamén explicou que se celebrará unha comisión de terrazas, da que forman parte técnicos e xurídicos municipais, para tratar especificamente este asunto. Para o concelleiro, o obxectivo é atopar “solucións viables, con todas as garantías, que sirvan para que as restricións teñan o menor impacto posible”, polo que a ampliación do espazo destinado ás mesas parece o máis recomendable, tanto para poder manter as distancias como para favorecer a ocupación dun xeito seguro. Tamén explicou que na reunión técnica de mañá se analizará caso por caso, en función das características e posibilidades de cada rúa.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar