Novas

mércores, 06 de maio de 2020

Julián Reina solicitará á comisión de seguimento das obras da Malata que se permita camiñar polo paseo

O responsable de Urbanismo presidiu hoxe a primeira comisión telemática de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos, Obras, Seguridade e Contratación tras decretarse o estado de alarma


Julián Reina solicitará á comisión de seguimento das obras da Malata que se permita camiñar polo paseo

O voceiro do goberno local e concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, presidiu esta mañá a primeira comisión informativa que se celebra tras decretar o Goberno central o estado de alarma o pasado 14 de marzo. Foi a de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos, Obras, Seguridade e Contratación. 


A sesión, que se celebrou de forma telemática, serviu, ademais de para dar conta de numerosas licencias de obras concedidas nas últimas semanas, para que Reina propuxera ao resto de grupos municipais convocar á comisión de seguimento das obras da Malata —integrada polo concelleiro, un técnico municipal e dous membros de Augas de Galicia— a unha reunión na que o edil solicitará que se suspenda o corte do paso de peóns polo paseo marítimo da Malata. Na actualidade non está permitido camiñar desde o inicio da ponte peonil, polo paseo da Mariña, ata a rotonda da saída da autovía á altura do estadio municipal. Reina achegouse onte mesmo á obra para comprobar a evolución dos traballos, que dependen do organismo dependente da Xunta de Galicia. 

O concelleiro ten a vontade de poñer a disposición dos viandantes de Ferrol o maior espazo posible co obxectivo de que poidan gardar a distancia de seguridade mentres fan actividade física, agora que o Goberno central o permite por primeira vez dende o inicio do estado de alarma motivado pola epidemia da covid-19. Por elo levou dita proposta á comisión de hoxe, na que logrou o respaldo do resto de grupos municipais. 

Reactivación das mesas de contratación 
O edil tamén anunciou a súa intención de reactivar as mesas de contratación, polo que xa se convocou para o próximo luns a primeira sesión tras decretarse o estado de alarma. Serán electrónicas, como viña sendo habitual, e agora tamén telemáticas. Desta forma, explicou Reina, “volveremos pouco a pouco a retomar a actividade municipal”. 

Na comisión de hoxe o concelleiro tamén comunicou aos grupos da oposición que o Concello de Ferrol está analizando distintos modelos de atención ao público de cara ao futuro levantamento do estado de alarma. Entre eles destaca a posibilidade de implantar un sistema de xestión de citas personalizado, a través do que a cidadanía podería solicitar, de forma telemática, hora para acudir ás oficinas municipais. O obxectivo é, segundo explica Reina, “evitar as esperas nas dependencias do Concello e a formación de colas de persoas”. Deste xeito, os veciños poderían realizar os seus trámites nunhas condicións de maior seguridade e mantendo máis facilmente as distancias de seguridade.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar