Novas

mércores, 06 de maio de 2020

O Concello entregou á Cociña Económica preto de 600 EPI

Os responsables de Benestar Social, Eva Martínez, e de Seguridade, Germán Costoya, reuniron o material necesario para que a entidade social poida retomar o reparto de menús


O Concello entregou á Cociña Económica preto de 600 EPI

O Concello de Ferrol entregou esta mesma mañá á Cociña Económica preto de 600 EPI para que o próximo luns poida retomar o reparto de menús aos seus usuarios despois de que a entidade pechara o seu comedor por motivos de seguridade e mantivera a preparación da comida, que desde o 26 de marzo reparte a diario Protección Civil na carpa que instalou o Concello na praza de España. Ademais, unha semana antes a agrupación de voluntarios xa se encargaba de levar a domicilio os menús das persoas que antes da crise recollían a súa comida no centro da rúa Rubalcava. En total entregáronse xa 12.000 menús. 


Os concelleiros de Benestar Social, Eva Martínez, e o de Seguridade, Germán Costoya, entregaron hoxe ás traballadoras da Cociña Económica un total de 60 máscaras FFP2 —solicitadas polo Concello á Xunta—, 125 máscaras cirúxicas, 60 buzos, 10 pantallas faciais, 12 botes de 200 ml de hidroxel e 300 pares de luvas despois de que o centro social mostrara a necesidade de contar con material de protección individual para poder retomar a entrega das bolsas cos menús. O Concello quixo colaborar coa entidade e realizou varias xestións para reunir os EPI no menor tempo posible. 

Reunión da Mesa Técnica sobre Persoas Sen Teito 
Os trámites realizados para lograr xuntar todo o material que se entregou á Cociña Económica foi un dos puntos tratados na reunión da Mesa Técnica sobre Persoas Sen Teito —integrada polo Concello e seis entidades sociais— que se celebrou a primeira hora desta mañá. A concelleira aproveitou o encontro para agradecer o traballo realizado pola entidade social da rúa Rubalcava o do resto de organismos asistenciais desde o inicio da pandemia e para facer un balance da marcha dos servizos postos en marcha durante a crise sanitaria dirixidos ás persoas mais vulnerables. Neste senso, un dos temas tratados foi a forma na que a desescalada pode afectar ao albergue provisional que o Concello habilitou no mes de marzo para acoller a persoas sen fogar. 

Neste senso, a concelleira puntualizou que a Mesa Técnica está a analizar caso por caso para garantir aos actuais usuarios da Casa do Mar unha alternativa habitacional e a satisfacción das súas necesidades básicas. Explicou sobre este asunto que se están a estudar solucións para as persoas que desexan retornar aos seus países, agruparse en pisos compartidos así como o seu traslado ao albergue de Pardo de Atín, que actualmente conta con prazas dispoñibles. 

De igual modo, Martínez quixo agradecer a colaboración entre entidades así como o apoio mostrado polos grupos municipais da oposición, que respaldaron a aprobación das subvencións nominativas no pasado pleno. 





Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar