Novas

xoves, 07 de maio de 2020

O Concello entregou becas de comedor e vales para alimentos e necesidades básicas a preto de 800 familias

Os servizos sociais municipais, que dirixe Eva Martínez, destinaron desde o inicio da crise sanitaria polo covid-19 máis de 174.000 euros entre ambas dúas axudas


O Concello entregou becas de comedor e vales para alimentos e necesidades básicas a preto de 800 familias

O Concello de Ferrol, a través da concellería de Benestar Social, que dirixe Eva Martínez, axudou a preto de 800 familias desde o inicio da crise sanitaria polo covid-19 a través das becas de comedor e os vales para alimentos e necesidades básicas. En total, destináronse a estes dous servizos máis de 174.000 euros. Así o explicou a responsable dos servizos sociais ao resto de grupos municipais na comisión de Benestar Social, Igualdade, Muller, Xuventude e Patrimonio Histórico, que tivo lugar esta mañá de forma telemática.


De este modo, usuarios do Fogar Infantil da Deputación e as familias con menores escolarizados en centros públicos ou concertados perceptores de beca de comedor reciben por cada quincena na que os colexios permanezan pechados un vale de 50 euros por neno. Un total de 243 familias recibiron beca de comedor desde o inicio da pandemia, por un importe total de 68.220 euros. 

Os servizos sociais do Concello tamén seguen repartindo vales para alimentos e necesidades básicas —produtos de hixiene persoal e limpeza e medicamentos— ás familias ás que xa os entregaba antes da crise sanitaria. Ademais, desde ese mesmo momento as traballadoras sociais atenden telefonicamente novas demandas de familias que nestes momentos se teñen visto nunha situación de gran precariedade. 

Ata o momento, un total de 551 familias recibiron por parte do Concello vales para alimentos e necesidades básicas, por un importe total de 106.000 euros. As persoas que se atopen nestas circunstancias deben chamar aos números 981 944 230 ou 981 944 234, e serán atendidos por unha traballadora social.  

Axuda a maiores e atención psicolóxica 
Martínez tamén informou ao resto de grupos municipais que tras o decreto do estado de alarma o Concello habilitou un servizo de entrega de menús a domicilio para persoas maiores usuarias dos cinco comedores sénior que se atopan en situación de vulnerabilidade económica ou social. Dita prestación estenderase mentres dure o confinamento.
 
Tamén se puxo en marcha un servizo telefónico de atención psicolóxica de balde durante o período de estado de alarma e de confinamento para todas aquelas persoas que poidan necesitar axuda, atendido por un psicólogo municipal colexiado que traballa en coordinación co departamento de Psiquiatría da Área Sanitaria de Ferrol. O horario de atención ao público é de luns a venres, de 10 da mañá a 13.30 da tarde, e para acceder ao mesmo hai que dirixirse a algún dos teléfonos de Benestar Social: 981 944 230 e 981 944 234. O obxectivo deste novo servizo é “atender ás persoas que poidan necesitar atención psicolóxica debido ao estrés, medo, ansiedade o incerteza que esta situación poida estar xerándolles”, explicou Martínez. Ademais, a concelleira indicou que nos próximos días se poñerá en marcha un novo servizo de chamadas a persoas maiores, sobre todo a aquelas que viven en soidade “para garantir que se atopan en bo estado e mesmo planificar posibles recursos sociais”.

Os servizos para a muller, en activo 
Pola súa banda, a concelleira de Igualdade e Muller, Cristina Prados, trasladou aos grupos da oposición na comisión celebrada esta mañá que a atención telefónica dos servizos dirixidos ás mulleres segue activa desde que se habilitara unha vez decretado o estado de alarma. De este modo, pode contactarse co CIM (Centro de Información á Muller) no número de teléfono 981 944 124 e coa Casa da Muller no 981 944 240. Prados indicou que desde o inicio da crise sanitaria os técnicos de ambos dous servizos xestionaron tanto emerxencias como numerosas consultas tanto laborais como xurídicas feitas polas veciñas de Ferrol. Tamén axudan na tramitación das axudas e derivan casos á concellería de Benestar Social. 

Atención psicolóxica e telefónico as 24 horas do día 
Prados quixo agradecer o traballo e dispoñibilidade dos técnicos da súa concellería e lembrou que “a atención continúa prestándose durante o tempo que dure o confinamento, as mulleres da cidade seguen estando apoiadas e protexidas polo Concello”. 

Neste senso, indicou que a atención psicolóxica que prestaba a concellería da Muller antes da crise sanitaria segue prestándose a través do teléfono. Ademais, explicou que o Concello, en colaboración con Almat (Asociacion de loita contra os malos tratos) recibe chamadas as 24 horas do día, polo que “as veciñas da cidade poden sentirse atendidas pola súa administración máis próxima”. Foi no pleno do pasado 27 de abril cando aprobouse por unanimidade as subvencións nominativas da concellería que dirixe, entre elas unha de 6.500 euros para Almat. 


Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar