Novas

xoves, 07 de maio de 2020

O goberno local establece un protocolo para a reincorporación do persoal do Concello aos postos de traballo presenciais

A concelleira de Persoal, María Teresa Deus, firmou onte o documento, que contempla un retorno gradual dos traballadores municipais en función das fases de desescalada


O goberno local establece un protocolo para a reincorporación do persoal do Concello aos postos de traballo presenciais

O goberno local de Ferrol acaba de establecer un protocolo para a reincorporación do persoal municipal aos seus postos de traballo presenciais. A concelleira de Persoal, María Teresa Deus, firmou onte o documento que servirá de marco xeral para este proceso e que ten en conta as necesidades do Concello, a seguridade dos empregados públicos e a existencia de grupos de risco. A recuperación da normalidade producirase “de maneira gradual e progresiva” e tratarase de que os traballadores incluídos nos colectivos vulnerables á covid-19 continúen a realizar o seu labor por medios telemáticos. 


Cando entre en vigor a fase 1 do “Plan para a transición cara unha nova normalidade” comezará a reincorporarse o persoal esencial, e en primeiro lugar o que, dentro desta consideración, non poida prestar funcións en réxime de teletraballo. Tamén os responsables das unidades administrativas, e, por último os empregados adscritos a servizos sociais, centros educativos, bibliotecas, cultura, deportes e turismo. 

Nas fases 2 e 3, cando o determine o Ministerio de Sanidade, retornará o resto do persoal, comezando por quen dispoña dun posto de traballo con espazo exclusivo e aqueles nos que se garanta unha distancia de dous metros entre traballadores. De ser imposible esto último, estableceríanse quendas presenciais e de teletraballo rotatorias ata que se estivese en disposición de realizar os axustes necesarios. Finalizada a fase 1 restablecerase o horario habitual, pero ata que se poida chegar a unha situación de normalidade, será necesario “manter e adoptar medidas de flexibilización horaria”, tanto respecto dos momentos de entrada e saída como de quendas, para evitar aglomeracións. 

Estas medidas contemplan tamén plans de actuación para os casos sospeitosos de padecer a covid-19; protocolos de actuación no referido a sanidade, hixiene e adecuada información; plans específicos atendendo aos riscos que presenta cada posto de traballo; e o emprego de equipos de protección individual. 

Finalmente, establécese que o documento “será obxecto de revisión continua en atención ás recomendacións que diten as autoridades sanitarias”.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar