Novas

venres, 08 de maio de 2020

A web de empresas impulsada polo Concello conta xa cun centenar de establecementos da cidade

Os propietarios interesados en formar parte deste proxecto deben cubrir o formulario publicado no Taboleiro de Anuncios da páxina municipal e envialo a emprego@ferrol.es


A web de empresas impulsada polo Concello conta xa cun centenar de establecementos da cidade

O directorio de empresas que o Concello de Ferrol puxo en marcha o pasado mes co fin de aglutinar nun único directorio os negocios que están a prestar o seu servizo durante o estado de alarma conta xa cun centenar de establecementos. 


A web, que pode visitarse en https://www.ferrol.gal/Shared/Contidos/87, mostra as firmas clasificadas tanto por barrios como por tipo de actividade e sector ao que pertencen. 

O proxecto botou a andar logo de que o alcalde, Ángel Mato, e a concelleira de Promoción Económica, María Teresa Deus, lles presentaran o proxecto ás asociacións comerciais da cidade, que mostraron un gran interese pola iniciativa do Concello. Desde o primeiro momento o directorio recibiu os datos de numerosos negocios da cidade para ser incluídos no portal, ata chegar na actualidade ao centenar. 

Procedemento moi sinxelo 
Os emprendedores interesados en figurar no directorio deben seguir un procedemento moi sinxelo. O Taboleiro de Anuncios da web municipal Ferrol.gal ten dispoñible o formulario, que deben cumprimentar e remitir ao Concello, á dirección emprego@ferrol.es. Os datos que indicarán son, entre outros, o tipo de produtos ou servizos que ofrecen, se os locais permanecen abertos, o horario de atención ao público, a posibilidade de efectuar compras a domicilio e as condicións deste servizo ou os métodos para realizar pedidos, facilitando a súa páxina web, o seu teléfono de contacto, o seu número de WhatsApp ou o seu perfil de Facebook. 

Esta páxina web serve para proporcionar á cidadanía datos actualizados sobre os medios de contacto e os servizos que ofrecen os establecementos, como o reparto de produtos a domicilio, facilitando deste xeito a realización das compras nestes días de confinamento. 

Base para unha plataforma de comercio 
Pero toda esta información que se recolla tamén servirá de base para crear unha aplicación de venda on-line para os negocios locais. A intención do goberno local é que esta app teña un funcionamento similar ao de calquera das plataformas de comercio electrónico que funcionan na actualidade.  

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar