Novas

venres, 08 de maio de 2020

As solicitudes para optar ás axudas a autónomos e pequenas empresas poderanse presentar de forma telemática a partir desta medianoite

Aínda que o prazo de 20 días hábiles empezará a contar o luns, a sede electrónica do Concello recibirá os formularios a partir das 0.00 horas do sábado, despois de que o Boletín Oficial da Provincia publicara hoxe o extracto da convocatoria. Toda a información relacionada co Plan de Mellora para a Empregabilidade (PAME) está dispoñible na web www.ferrol.gal/AxudasPAME/Indice, á que se pode acceder directamente dende o portal do Concello de Ferrol en Internet


As solicitudes para optar ás axudas a autónomos e pequenas empresas poderanse presentar de forma telemática a partir desta medianoite

Os autónomos e pequenas empresas que estean en disposición de optar ás subvencións contempladas no Plan de Mellora para a Empregabilidade (PAME) poderán presentar as solicitudes a partir desta medianoite, sempre de maneira telemática. O prazo abre oficialmente o próximo luns, pero dende o inicio do sábado 9 (é dicir, a partir das 0.00 horas) a sede electrónica do Concello de Ferrol, tal e como contempla a Lei, xa recibirá as solicitudes para que entren en prazo. Tamén existe a posibilidade de presentalas a través do Rexistro Electrónico Xeral da Administración Xeral do Estado, ao que se pode acceder a través do Punto de Acceso Xeral (https://administracion.gob.es). 


O número de hoxe do Boletín Oficial da Provincia (BOP) recolle o extracto da convocatoria do PAME, documento que marca o inicio dun prazo de 20 días hábiles (a contar dende o seguinte á publicación) para a presentación das solicitudes, un período que permanecerá aberto ata o 5 de xuño inclusive. 

O PAME é un programa de axudas ás que se poden acoller aqueles negocios con sede en Ferrol que estiveran ou estean afectados pola crise da covid-19, segundo uns requisitos que constan nas bases reguladoras. Estas foron publicadas no BOP do martes 5 de maio e poden consultarse a través da páxina do Concello en Internet. 

Toda a información e a documentación, na web municipal 
A web municipal dispón dun apartado destacado co epígrafe Axudas PAME (Plan de Mellora para a Empregabilidade) que reúne información xeral, un vídeo resumen, as bases reguladoras, un listado da documentación necesaria, un modelo de documento de designación de conta bancaria, unha guía para a sinatura electrónica de documentos, unha guía para a presentación telemática, un modelo de fomulario de solicitude, un modelo de declaración xurada e un modelo de representación. A súa dirección é www.ferrol.gal/AxudasPAME/Indice. 

Ademais, habilitáronse apartados de preguntas habituais e púxose a disposición unha dirección de correo electrónico a través da que se pode pedir información. É a seguinte: axudaspame@ferrol.es. 

Estas axudas, deseñadas pola concellería de Emprego e Promoción Económica, que dirixe a segunda tenente de alcalde, María Teresa Deus, foron aprobadas por unanimidade no pleno extraordinario do pasado 27 de abril. Buscan “impulsar a actividade económica de Ferrol” e ao mesmo tempo “protexer o emprego”, segundo explicou o alcalde, Ángel Mato. O Concello de Ferrol destina dous millóns de euros ao plan, co que pretende dar liquidez ás empresas para que atenúen o impacto que supuxo para elas a redución de ingresos e poidan manter os postos de traballo. 

As bases establecen varias contías. Unha fixa de 1.500 euros dirixida a persoas físicas e xurídicas con ou sen traballadores ao seu cargo cando a actividade que desenvolven estea afectada polo peche de establecementos disposto no Real Decreto 465/2020 de 17 de marzo. Outra tamén fixa de 1.000 euros para os casos nos que a actividade non estivera recollida nese Real Decreto pero sufrise unha redución de facturación de polo menos o 75 %. Ademais, en ambas as liñas de axuda haberá incrementos de 120 euros por cada persoa traballadora ata os nove empregados; de 100, entre os 10 e os 20 traballadores, e de 70, entre os 21 e 49. En todos os casos, os beneficiarios serían autónomos, microempresas ou pequenas empresas con domicilio fiscal ou centro de actividade dentro do termo municipal de Ferrol. 







Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar