Novas

venres, 08 de maio de 2020

O Concello habilita un paseo peonil de oito quilómetros desde a avenida do Mar ata A Malata

A nova Senda 8.000 supoñerá o corte total ou parcial do tráfico de vehículos, estará debidamente sinalizada e poderá percorrerse a pé desde desde as 17 horas de mañá sábado, 9 de maio, ata última hora do domingo


O Concello habilita un paseo peonil de oito quilómetros desde a avenida do Mar ata A Malata

 O Concello de Ferrol vén de rematar o plan que permitirá habilitar a Senda 8.000, unha nova iniciativa do equipo do goberno local coa que pretende poñer a disposición dos veciños da cidade o maior espazo posible para os paseos permitidos nos horarios establecidos polo Goberno central. 


O plan, posto en marcha de forma coordinada entre as concellerías de Seguridade, que dirixe Germán Costoya, e de Mobilidade, da que é titular Julián Reina, activarase esta mesma fin de semana, desde as 17 horas de mañá sábado, 9 de maio, ata a última hora do domingo. 

O percorrido peonil inclúe a avenida do Mar, en Caranza, rúa Telleiras, avenida de Esteiro, estrada de Caranza, avenida de Mac Mahón, rúa Taxonera, rúa dos Irmandiños, Paseo da Mariña, estrada Alta do Porto, rúa Celso Emilio Ferreiro, rotonda sobre a autovía e, finalmente, o paseo da Malata. 

A Senda 8.000 supón o corte total o parcial do tráfico de vehículos polo seu itinerario, que estará debidamente sinalizado e poderá percorrerse a pé desde a tarde de mañá sábado, 9 de maio, ata última hora do domingo. 

Costoya indicou que a nova senda peonil estará operativa durante as fins de semana do estado de alarma. Con esta medida, dixo, “o goberno local quere dar resposta ás necesidades veciñais en canto a mobilidade”.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar