Novas

venres, 08 de maio de 2020

O Concello autoriza a ampliación do espazo para colocar as terrazas

A medida permite, desde a entrada na fase 1 da desescalada e de forma automática, aumentar o lugar destinado a mesas e cadeiras ou modificar a súa colocación co fin de chegar á instalación do 50 % permitido polo Goberno central


O Concello autoriza a ampliación do espazo para colocar as terrazas

O Concello de Ferrol autoriza con carácter xeral e de forma automática a todos os hostaleiros da cidade a aumentar o espazo destinado ás terrazas ou a modificar a súa colocación ata chegar á instalación do 50 % das mesas e cadeiras, tal e como permite o Goberno central, unha vez se inicie a fase 1 da desescalada. Así o comunicou esta mañá o concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, quen hai uns minutos firmou o decreto polo que se poñerán en marcha ditas medidas. 


Ademais, e co fin de axudar ao máximo ao sector hostaleiro, Reina anunciou que vén de ordenar a tramitación administrativa preferente e a axilización daquelas solicitudes de propietarios que desexen aumentar o número de mesas e cadeiras autorizado polo Concello con anterioridade ao inicio da crise sanitaria polo covid-19. Poderán pedilo enviando un correo electrónico a terrazas@ferrol.es, e desde a concellería de Urbanismo estudarase cada caso de forma individual, tal e como explicou o edil.

Comisións semanais 
Esta mañá Reina tamén anunciou que unha vez comece a fase 1 da desescalada, as comisións de terrazas terán periodicidade semanal co fin de axilizar todo o posible as autorizacións de quen solicite aumentalas e coñecer os detalles de cómo se está a desenvolver a apertura destes espazos. 

Reunión telemática cos hostaleiros da cidade 
O edil quixo agradecer o apoio mostrado por todos os voceiros dos grupos municipais e anunciou que el e a concelleira de Turismo, María Teresa Deus, manterán esta tarde unha reunión telemática cos hostaleiros da cidade co fin de explicarlles os detalles do decreto firmado polo concelleiro e resolver as súas dúbidas. O obxectivo do goberno local é, explicou o concelleiro, “facilitar ao máximo que o sector empece a recuperarse e, por suposto, apoiar aos traballadores”. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar