Novas

xoves, 07 de maio de 2020

O Concello inicia a reparación do pavillón de Santa Mariña

A os traballos de eliminación de pingueiras e cambio de portas na instalación deportiva teñen un orzamento de case 34.000 euros


O Concello inicia a reparación do pavillón de Santa Mariña

O Concello de Ferrol, a través da concellería de Obras e Servizos, da que é titular Ana lamas, está a executar as obras do proxecto de eliminación de pingueiras e cambio de portas no pavillón polideportivo de San Mariña. Trátase dunha intervención “moi necesaria”, explica a edil, a causa do deterioro da cuberta e da entrada de auga no interior do edificio dende o pasado inverno. O contrato foi adxudicado á empresa Excavaciones Saavedra y López S.L. por un importe de 33.867,9 euros. 


Esta actuación será a primeira que se executa no pavillón, unha instalación municipal que rexistra moito uso. O proxecto inclúe a substitución de dúas portas exteriores por outras novas antivandálicas e con dispositivos antipánico, a instalación de extintores e carteis indicativos da súa situación, a actualización das medidas antiincendios e a colocación de carteis homologados de saída. 

A reparación en Santa Mariña tamén contempla, como medida máis urxente, a substitución das pranchas de policarbonato na cuberta e na fachada norte, a reposición dun novo cumio, a revisión da totalidade dos parafusos con substitucións dos que estean deteriorados e a limpeza de cuberta, caleiros e baixantes. De igual modo repararanse as pranchas de aceiro que presenten pingueiras e substituiranse parte dos caleiros e baixantes que estean deterioradas. 

A concelleira Ana Lamas explica que a reparación do pavillón dá resposta a unha demanda veciñal que vén de tempo atrás. Esta intervención, asegura, “é un exemplo do compromiso do equipo de goberno de mellorar as instalacións deportivas da cidade”.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar