Novas

sábado, 09 de maio de 2020

A mesa de contratación reiniciará a súa actividade o luns con seis proxectos por importe de case 2,5 millóns de euros

O voceiro do goberno local, Julián Reina, explica que a tramitación destas obras de cara á saída do estado de alarma suporá unha nova contribución por parte do Concello ao impulso da actividade económica


A mesa de contratación reiniciará a súa actividade o luns con seis proxectos por importe de case 2,5 millóns de euros

O Concello reanudará este luns, 11 de maio, a actividade da mesa de contratación permanente. Nesta primeira convocatoria dende a declaración do estado de alarma, que se celebrará de xeito telemático, continuará a tramitación de seis proxectos que suman un importe próximo aos 2,5 millóns de euros. Varios deles atópanse xa nas últimas fases do proceso, e en todos os casos superaron xa a de presentación de ofertas. 


Para o concelleiro de Urbanismo e Infraestruturas, Julián Reina, estas obras, unidas a outras que proximamente tamén se poderán concretar, suporán unha nova contribución por parte do Concello ao impulso da actividade económica, nun momento no que “é mais preciso que nunca”. O tamén voceiro do goberno local indica que o equipo de Ángel Mato está traballando para axilizar todo o posible os investimentos públicos de cara á saída do estado de alarma e aos seguintes meses. 

Os proxectos que se van abordar o luns percencen, por unha banda, á concellería de Urbanismo, e por outra, á de Servizos e Obras. No tocante ao departamento que dirixe Reina, trátase da rehabilitación da envolvente do edificio 1-8 da rúa Betanzos (1.465.980,85 euros), en Recimil, os mesmos traballos no inmoble dos números 1-2 da rúa Ares (294.816,74), tamén nese barrio, e o aparcadoiro disuasorio do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (245.140,00). Os dous primeiros casos van con cargo a investimentos financeiramente sostibles, mentres que o último corresponde ao Plan Único de Concellos POS-2019. 

No que respecta Servizos e Obras, a área da edil Ana Lamas terá na mesa de contratación outras tres actuacións. A máis cuantiosa (200.983,13 euros) corresponde á reparación da avenida do Mar, mentres que o importe da renovación de pluviais entre os números 23 e 28 da praza de España ascende a 147.619,85 euros, e o da reparación e reposición de marquesiñas de autobuses, a 119.387,01. Estes dous últimos proxectos encádranse, respectivamente, dentro dos investimentos financeiramente sostibles e do POS-2018. 

A suma dos importes destas seis obras ascende a 2.473.927,58 euros.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar