Novas

xoves, 14 de maio de 2020

A nova estrada de acceso ao cemiterio de Serantes incluirá aparcamento lateral e beirarrúas

O edil de Urbanismo, Julián Reina, indicou que as obras de reparación de seis vías da Deputación contemplan tamén adaptar os cruces peonís á nova lexislación e a reposición de elementos de protección para viandantes


A Plataforma de Contratación do Sector Público publicou esta semana o anuncio de licitación electrónica de dous contratos en Ferrol. Por unha banda, a ampliación da estrada de acceso ao cemiterio de Serantes, unha obra recollida no POS+2018 (Plan de Obras e Servizos) da Deputación da Coruña e, por outro, a reparación de beirarrúas en seis estradas da mesma administración: DP-3603, DP-3604, DP-3605, DP-3608, DP-3609 e DP-3612. 


En canto ao primeiro, o contrato prevé obras entre a rotonda da DP-3612 e o acceso á igrexa de Serantes, un espazo que o proxecto divide en dous tramos: o comprendido entre a glorieta e o inicio do camiño de acceso ao lugar de Aneiros e o que resta ata pasar o camposanto. Actualmente o ancho da calzada vai dos 5,5 metros no primeiro tramo ata os 3,30 no acceso á igrexa, e carece de beirarrúas e zonas habilitadas para o aparcamento de vehículos.

Unha actuación “prioritaria” e demandada polos veciños 
Tal e como apuntou o concelleiro de Urbanismo e Contratación, Julián Reina, a ampliación do acceso á igrexa é unha demanda dos representantes veciñais baseada en frecuentes problemas circulatorios e de seguridade peonil. O edil asegura que o goberno local “comprometeuse cos veciños de Serantes a levar a cabo estas obras canto antes porque entendemos que a mellora da seguridade viaria tanto para peóns como para condutores é fundamental, e así llo trasladamos”. Por elo, “demos prioridade á licitación deste contrato”, engadiu. O proxecto inclúe para o primeiro tramo unha beirarrúa de 1,80 metros, 2,20 para estacionamento lateral, dous carrís de 2,50 metros cada un e unha beiravía. No segundo haberá 2,20 metros de ancho para estacionar a ambos lados, unha calzada de case 4 e unha beiravía de 2. 

O proxecto contempla, entre outras actuacións, unha nova tubaxe de PVC que se conectará ao saneamento de pluviais executado na estrada DP3612, a conexión da saída do cemiterio á rede de saneamento e augas fecais, ramplas nas beirarrúas e tamén a colocación de bandas de aviso nos cruces de peóns. 

O prazo de execución das obras é de 4 meses desde a firma da acta de comprobación de replanteo e poderanse presentar ofertas, de forma telemática, ata o 1 de xuño. A actuación conta cun orzamento de 227.433,86 euros (con impostos).

Reparación do pavimento, adaptación de cruces peonís e protección 
Tamén esta semana se publicou o anuncio da licitación electrónica da reparación de beirarrúas en seis estradas da Deputación: DP-3603 (Ferrol-Cobas), DP-3604 (San Xoán de Filgueira-Catabois), DP-3605 (Penas de Guitín-San Xoán de Filgueira), DP-3608 (Serantes-Doniños), DP-3609 (Corrás-A Malata) e, por último, a DP-3612 (Aneiros-A Cabana). Na actualidade, as súas beirarrúas atópanse nun estado de conservación precario, polo que “demos tamén prioridade á publicación da licitación deste contrato, que ademais da súa reparación inclúe adaptar os cruces peonís á lexislación vixente e a reposición de elementos de protección para viandantes”, explicou Reina. Pola súa banda, Ana Lamas, concelleira das áreas de Servizos, Obras, Medio Ambiente e Zona Rural, indicou que “coa execución destas obras de reparación en varias estradas do municipio o goberno local segue avanzando na mellora das vías, porque a seguridade é unha das nosas prioridades”. 

En concreto, emendarase o deterioro do firme das beirarrúas, tanto pola presenza de vexetación, roturas, afundimento, levantamento de baldosas como por outros danos. Tamén se mellorará a accesibilidade aos pasos de peóns, eliminaranse barreiras arquitectónicas e restableceranse os elementos de protección para viandantes en zonas puntuais. 

O prazo de execución das obras é de 4 meses desde a firma da acta de comprobación de replanteo e poderanse presentar ofertas, de forma telemática, ata o día 1 de xuño. A actuación conta cun orzamento de 139.000 euros (con impostos).






Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar