Novas

xoves, 14 de maio de 2020

Eva Martínez presenta as bases para as becas de comedor escolar e as axudas á escolarización

A concelleira presidiu hoxe a comisión informativa de Benestar Social, Igualdade, Muller, Xuventude e Patrimonio Histórico, na que trasladou á oposición ambos borradores


A concelleira Eva Martínez presidiu esta mañá a comisión informativa de Benestar Social, Igualdade, Muller, Xuventude e Patrimonio Histórico, que se celebrou de forma telemática. Na sesión, a edil presentou os borradores das bases para as axudas á escolarización e das becas de comedor escolar para o próximo curso escolar 2020-2021, que deberán ser aprobadas en pleno. 


Tal e como explicou a edil, as axudas á escolarización están dirixidas a os menores de idade que residan en Ferrol matriculados nun centro de ensino da cidade para cursar educación infantil, primaria, secundaria, bacharelato, formación profesional básica ou formación profesional de grao medio. 

A contía da axuda ascende a 95 euros por neno, que deberán destinarse á adquisición de material escolar ou roupa deportiva. Con elo, dixo, buscamos “dar resposta ás necesidades escolares do alumnado cuxas familias manifesten estar a ter dificultades económicas que lles impidan facer fronte aos gastos do inicio dun novo curso”, dixo. O orzamento destinado a estas axudas ascende a 90.000 euros. 

A concelleira tamén presentou o borrador das bases reguladoras da concesión de becas de comedor escolar para o próximo exercicio escolar. O orzamento destinado a estas becas, que cobren a totalidade do coste das comidas dos escolares, é de 280.000 euros. 

A concelleira explicou que “o noso obxectivo é que estas bases poidan aprobarse no pleno deste mesmo mes e, deste modo, a convocatoria estaría lista antes incluso do inicio do próximo curso escolar”. Con estas axudas “queremos axudar a quen o necesite, que ninguén se quede fóra”.

Especial atención ás víctimas de violencia de xénero 
Pola súa banda, a concelleira de Muller e Igualdade, Cristina Prados, deu conta na comisión desta mañá da campaña informativa posta en marcha este mesmo mes dirixida ás mulleres do rural vítimas de violencia de xénero e ao seu entorno, especialmente “a aquelas que pasaron o confinamento cos seus agresores”, explicou Prados. A campaña forma parte das actuacións no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e contempla para o mes de maio a elaboración e reparto dunha guía que recollerá todos os recursos que o Concello de Ferrol pon a disposición das vítimas a través da Casa da Muller, do Centro de Información á Muller (CIM) e de outras actuacións. 

A concelleira explicou que o fin é “apoiar ás nosas veciñas, xa que as mulleres vítimas de violencia de xénero son un colectivo especialmente vulnerable en situacións de illamento domiciliario”, dixo. “Vense forzadas a vivir co seu agresor e con menos posibilidades de acceder ás ferramentas necesarias para reverter esa situación de maior risco”. 





Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar